Equina 2015 arranca con algunhas seccións do Concurso Morfofuncional de Pura Raza Española

Primeiras probas Equina
O evento ecuestre Equina 2015, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) e a Asociación Galega de Criadores de Cabalos Árabes (AGCCA), arranca esta tarde no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA cos xulgamentos dalgunhas seccións do Concurso Internacional Morfofuncional de Cabalos Españois de Galicia –ANCCE. Así, hoxe a partir das 16.30 horas desenvolveranse seis seccións, correspondentes a poldros e poldras de 1 a 3 anos.
Xa mañá, esta competición de pura raza española, clasificatoria para a final do Campionato de España, acollerá as seccións de poldros e poldras de 4 anos, as de cabalos e eguas de 5, 6, 7 e máis anos e as de funcionalidade de cabalos de 4 anos en diante. Tamén mañá, pola tarde, levarase a cabo a Copa ANCCE de Doma Clásica. O domingo continuará o Concurso Morfofuncional e será a quenda das seccións de cabalos castrados de máis de 3 anos e cobras de 3 e 5 eguas, ademais dos premios especiais e da Copa ACCEGA de Clubs Galegos.
En canto ao III Concurso A.E.C.C.A de Galicia, de cabalos árabes e categoría nacional, mañá xulgaranse todas as clases, de poldros e poldras de 1 a 3 anos e de eguas e sementais de 4 a 6 anos e de 7 e máis anos, clasificándose os exemplares que competirán o domingo nos campionatos de poldros, poldras, eguas e sementais. Ademais, o sábado pola tarde celebrarase por primeira vez a Clase Futurity, na cal sairán a pista poldros que aínda están coas súas nais, permitindo aos propietarios mostrar xa o futuro da súa gandería. O domingo outorgaranse tamén os premios especiais deste concurso.
Chegada ao recinto dos exemplares
En total, nos dous concursos centrais e nas dúas copas de doma clásica, participarán 218 exemplares, 130 no morfofuncional de pura raza española, 44 no morfolóxico de pura raza árabe e 44 nas copas ANCCE e ACCEGA. A eles súmanse 23 cabalos que participarán nun carrusel ecuestre e no bautismo hípico para nenos, concorrendo a Equina 2015 un total de 241 exemplares procedentes de distintos puntos de España.
Parte destes animais chegaron xa esta mañá ao recinto feiral e están a realizar adestramentos. Ao longo do día de hoxe seguirán incorporándose a maioría de exemplares participantes nos diferentes concursos.
Ademais destas actividades, mañá ás 12.00 horas levarase a cabo a mesa redonda “O sector gandeiro equino e a súa situación actual dentro de España”, conducida por Miguel Ángel Martínez Tebar, xuíz nacional ANCCE e técnico da Real Federación Española de Hípica.
A entrada a este evento e a todas as súas propostas será gratuíta, sendo tamén libre o acceso aos aparcadoiros do recinto habilitados para esta ocasión.











