Equina 2015 abordará a situación actual do sector gandeiro equino nunha mesa redonda
A Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá os días 20 e 21 de xuño Equina 2015, un evento ecuestre que está organizado pola Asociación Galega de Criadores de Cabalos Árabes (AGCCA) e a Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA).
Esta cita levará a cabo o seu primeiro a mesa redonda “O sector gandeiro equino e a súa situación actual dentro de España”, conducida por Miguel Ángel Martínez Tebar, xuíz nacional ANCCE (Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española) e técnico da Real Federación Española de Hípica, quen debullará, entre outros temas, a situación comercial no ámbito do gando equino e os mercados exteriores. Organizada por ACCEGA, terá lugar na Sala de Subastas do recinto feiral ás 12.00 horas e estará aberta a todas as persoas interesada en acudir.
Esta mesa redonda súmase así ás dúas competicións centrais de Equina 2015, o Concurso Internacional Morfofuncional de Cabalos Españois de Galicia – ANCCE e o III Concurso A.E.C.C.A de Galicia, de categoría nacional, e tamén ás outras dúas probas que terán lugar no seu marco, o clasificatorio para a Copa ANCCE de doma clásica, e a 13ª Copa ACCEGA de Clubes Galegos, tamén desta modalidade olímpica.
Por outra banda, a programación incluirá outras propostas, como un carrusel, o cal se trata dun vistoso espectáculo ecuestre con cabalos de pura raza española con coreografía e música, e tamén iniciación á monta a cabalo con bautismo hípico para nenos.
Unha pequena área expositiva que dará cabida a empresas e entidades relacionadas co mundo do cabalo complementará este evento ecuestre centrado nos cabalos de pura raza española e pura raza árabe.











