Dous exemplares lucenses, tres coruñeses e dous ourensás gañan os concursos de razas autóctonas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+
Primeiro premio cachena

Primeiro premio cachena

Os concursos morfolóxicos das razas autóctonas galegas en perigo de extinción, fallados esta mañá no marco da 38ª  ABANCA SEMANA VERDE DE GALICIA,  tiveron como gañadores a tres exemplares coruñeses, dous lucenses e dous ourensás. Organizados pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) e a Asociación de Avicultores de Raza Galiña de Mos (Avimós), centráronse en catro razas ovinas e a Galiña de Mos.

No Concurso Morfolóxico da Raza Limiá, que celebraba a súa primeira edición, todos os premiados foron ourensás. A gañadora foi a vaca Laga, de Lisardo López, de Xinzo de Limia, mentres que o segundo e terceiro  posto foron, respectivamente, para Liosa, de Dolores Rodríguez, de Rairiz d Veiga, e para Laberca, de Ganadería Malba, de Laza.

Respecto á raza Caldelá, na segunda edición do seu concurso, a gañadora foi Cabana, de Ana y Alejandro S.C, de A Pontenova (Lugo); seguida de Lixeira e de Corneira, ambas de Juan Manuel Lage, de Maceda (Ourense). 

En canto ao III Concurso Morfolóxico da Vianesa, o primeiro posto foi para Vilaza, propiedade de Miguel Gómez, de Maceda; e o segundo e o terceiro para Xiana e Rubia, as dúas de Ganado de Lemos, de O Saviñao (Lugo). 

No IV Concurso Morfolóxico da Cachena, a gañadora foi Cantera, de Gandería Tras do Río, de Ortigueira (A Coruña), cuxo exemplar Caupa acadou,  pola súa banda, o segundo posto. A terceira posición foi para Kinder, de Cachenas de San Breixo, de Triacastela (Lugo). 

Nestes concursos morfolóxicos centrados en catro das razas autóctonas bovinas en perigo de extinción participaron un total de 14 criadores e 50 exemplares de distintos puntos de Galicia. 

Galiña de Mos 

En canto ao II Campionato Galego da Galiña de Mos, organizado por Avimós, na sección de concurso morfolóxico individual gañou un galo pertencente a Cruz Grille, de Tordoia (A Coruña), sendo o segundo posto para un exemplar de Álvaro Rodríguez, de Mos (Pontevedra), e o terceiro de Javier Riqueza, de Pontevedra. 

En galiñas a vencedora foi un animal propiedade de José Luis Freire, de Pol (Lugo); o segundo posto para un de Lourdes Mulet, de Lalín (Pontevedra); e o terceiro para un de Mariña Grille, de Val do Dubra ( A Coruña). 

Na sección por lotes o primeiro posto foi para un de Mariña Grille, de Valdo Dubra; o segundo para un de Cruz Grille, de Tordoia; e o terceiro para un propiedade de Alejandro Collazo, de Mos. 

En ambas seccións competiron un total 22 criadores e 200 exemplares procedentes de distintas zonas de Galicia.

Cabalo de Pura Raza Galega o sábado

Por outra banda, o sábado terá lugar, de man de Puraga, o Concurso Morfolóxico Oficial do Cabalo de Pura Raza Galega.

Tamén coas razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción como protagonistas a feira acolle diversas xornadas técnica, exposicións comerciais e dous restaurantes, o de Porco Celta e o TapiRazas

11 de xuño de 2015 | 20:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.