Dous alumnos de Silleda e Bandeira gañan o concurso “Se eu fose presidente” realizado na Feira de Caza, Pesca e Natureza
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, vén de comunicarlle aos colexios cales foron os dous gañadores do concurso Se eu fose presidente realizado na pasada Feira de Caza, Pesca e Natureza de Silleda.
Os participantes do concurso tiñan que redactar que actuacións levarían a cabo para a conservación da natureza no caso de seren eles presidentes da Comunidade Autónoma de Galicia. Todo isto tiña como fin potenciar e favorecer a creatividade dos alumnos, promover a defensa e o coidado do medio ambiente e somerxer aos máis pequenos dentro da biodiversidade e dos espazos protexidos de Galicia.
Os premiados foron Xoel Filloy Mella, alumno de 6º de primaria co colexio María Inmaculada de Silleda, e Lucía Alonso Méndez, alumna de 4º de primaria do colexio Ramón de Valenzuela de Bandeira. O premio para cada un destes alumnos comprende unha viaxe de catro persoas ao Parque Nacional Marítimo das Illas Atlánticas (Illas Cíes).
Algúns dos temas principais que trataron os vencedores nos seus escritos versaron sobre a utilización dun maior número de autobuses para diminuír o número de coches en circulación e así reducir as emisións de CO2, a construción de parques con máis árbores e suficientes papeleiras para asegurarse de que o lixo vaia a parar nelas, o coidado da natureza como se fose un museo ou a colocación de cámaras nos montes para controlar a tirada dos ciscallos.
En total recibiuse a participación de medio centenar de alumnos dos colexios Ramón Valenzuela de Bandeira, María Inmaculada de Silleda e Manuel Rivero de Lalín. Todos eles presentaron relatos de calidade que expuñan unha gran concienciación ambiental así como o interese e a preocupación por especies e espazos protexidos.
Cómpre recordar que este concurso non foi a única actividade realizada para promover o coidado do medio ambiente na Feira de Caza, Pesca e Natureza. A Dirección Xeral de Conservación tamén levou a cabo moitas outras actividades e talleres para lograr unha maior sensibilización ambiental. Un exemplo disto foron as exposicións das Aves de Galicia e Reserva da Biosfera de Galicia ou as prácticas participativas de voo con aves de cetrería.











