Cuiña mantivo a primeira reunión de traballo cos membros do novo goberno

Reunión equipo de goberno Silleda
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña Fernández, mantivo hoxe a primeira reunión de traballo cos integrantes do equipo de goberno municipal, logo do pleno de investidura celebrado o pasado sábado. Neste encontro coordináronse as liñas básicas de traballo de cada departamento e tratáronse cuestións de urxencia de cara á organización de actividades inminentes.
“Aínda que o novo goberno municipal quedará constituído no pleno de organización que se celebrará a vindeira semana, xa comezamos a distribuir e coordinar o traballo, sobre todo tendo en conta que nas vindeiras semanas están previstas actividades que precisan de accións coordinadas por parte dos servizos municipais”, engade o alcalde.
Cuiña, que deu a coñecer en días pasados o reparto de áreas, explica ademais que se fixarán reunións dos concelleiros e concelleiras co personal de cada departamento, “sobre todo no caso daqueles onde a xestión será asumida por membros de nova incorporación”.
Noutros casos, como o de Servizos e Obras, xa se celebrou hoxe unha nova reunión para coordinar actuacións, tendo en conta que o verán é unha das épocas de maior actividade
O alcalde, continuará coas áreas de Urbanismo, Facenda, Seguridade e Tráfico e réxime interior. Klaus Brey, primeiro tenente de alcalde, será o encargado de Obras e Servizos, áreas donde se inclúen todos os traballos relativos a limpeza viaria, xardinería, mantemento…).
Ana Luisa González Costa, unha das novas caras da Corporación, será segunda tenente de Alcalde, e terá as competencias en Emprego, Comercio, Industria, Deportes e Persoal.
Jesús Taboada Lázara, outro dos novos edís levará á area de Medio Rural, e Mª Pilar Peón Iglesias continuará coas atribucións en Educación e Sanidade e sumará Benestar Social e Igualdade.
Mª José Fernández Rodríguez, tamén nova na Corporación, levará Turismo, Xuventude, Normalización Lingüística e Comunicación Social, e Luis Rodríguez Vázquez a área de Medio Ambiente. Estes dous últimos edís encargaránse ademais da Concellería de Cultura, nunha das novidades da lexislatura, ao compartir responsabilidades nun dos departamentos con maior carga de traballo.
Pleno de organización o luns 22
A falta da convocatoria oficial, o alcalde avanza que o pleno de organización, no que se establecerán cuestións como a conformación da Xunta de Goberno Local, Comisións Informativas e outras relativas ao funcionamento orgánico, se celebrará previsiblemente o vindeiro luns día 22.
“A partir desa data, tal e como vimos anunciando trataremos de convocar o antes posible a sesión para abrobar os orzamentos municipais 2015, unha cuestión que consideramos de urxencia a estas alturas do exercio”, engade.











