Comezan os traballos para a creación do viveiro de empresas de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O Concello informa do inicio dos traballos para a creación dun viveiro de empresas en Riveira a través do acondicionamento do inmoble do antigo matadoiro, o que permitirá que aqueles que desexen iniciar un novo negocio dispoñan gratuitamente dun lugar no que botar a andar o seu proxecto ao tempo que reciban o asesoramento da Cámara de Comercio de Santiago.

A empresa Acciona Infraestruturas é a encargada de realizar as obras, por un importe de 325.864 euros, IVE incluído.Cómpre lembrar que  o 80% do investimento está financiado pola Fundación Incyde (Instituto Cameral para la Creación y Desarrollo de la Empresa) e o 20% restante pola Deputación Provincial. Está cofinanciado con fondos Feder.

O viveiro de empresas contará cunha sala de reunións, 10 despachos de entre 10 e 15 metros cadrados, un vestíbulo/recepción/control e aseos e unha sala de usos múltiples. Como materiais empregaranse entre outros pavimento de linóneo e lamas de aluminio. 

O proxecto inclúe a demolición dunhas naves anexas que no seu día foron empregadas como garaxe e zona de espera do gando e que ocupan unha extensión duns 310 metros cadrados (o 40% do total). Tamén se efectuará o derrubo dunha parte que sobresae da fachada do edificio. En troques, crearase unha área de aparcamento e o entorno será urbanizado. 

A superficie total construída será de 421 metros cadrados, dos cales 362 serán superficie útil.

5 de xuño de 2015 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.