publicidade hoxe

Área Santiago promociona entre xornalistas e pescadores deportivos a pesca como atractivo turístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaArzúaBoqueixónLalínLocal PortadaMelideO PinoOrosoPadrónRoisSantiago de CompostelaSilledaTouroTrazoVal do DubraVedraVila de Cruces
A-
A+

Área Santiago organiza unha viaxe de xornalistas e profesionais do sector da pesca deportiva e dos turoperadores para promocionar os seus atractivos como destino para os pescadores afeccionados. Nesta acción participarán once persoas, entre xornalistas e pescadores deportivos, que participan habitualmente en campionatos, tanto en España como internacionalmente.

Entre os xornalistas destaca a presenza do responsable de pesca da canle de TV especializada Caza y Pesca, redactores da revista Jara y Sedal, que conta tamén cun programa en televisión, e da revista Flymage, especializada na pesca a mosca.

Tamén participarán varios pescadores deportivos como Ander Pérez, subcampión de Europa e campión de España; Arkaitz Martín, tamén campión de España e mundialista en varias ocasións coa Selección Española; ou Josu Pérez, subcampión de España. Ademais, asistirá o representante dun touroperador xaponés con presenza en España interesado en ofrecer contidos de pesca aos seus clientes nipóns, así como un turoperador local.

Ademais, Área Santiago aproveitará esta viaxe para presentar a primeira guía informativa sobre a pesca fluvial deste territorio de 16 concellos, na que se recollen aspectos de interese para este tipo de turista pescador, como trámites e permisos, modalidades de pesca, especies, zonas de pesca recomendadas e informacións prácticas, aloxamentos adheridos ao proxecto e outras informacións complementarias. Esta primeira edición da guía, que se actualizará anualmente coincidindo co inicio da tempada de pesca, estará dispoñible on-line en tres idiomas (galego, español e inglés) na sección de pesca da web de Área Santiago.

A organización desta viaxe e a edición desta guía continúan coa liña de traballo de Área Santiago para aproveitar as posibilidades da pesca como recurso turístico, partindo de dous feitos: por unha banda, o territorio do grupo está fondamente marcado por dous dos ríos máis importantes de Galicia, o Ulla e o Tambre, así como polos seus afluentes; por outra, a pesca ten demostrado noutros territorios, como Canadá, Irlanda ou países do leste de Europa, que pode ser un recurso turístico con grande atractivo.

O río Ulla é, por lonxitude e caudal, o terceiro río en importancia de Galicia. Ten una lonxitude total de 132 quilómetros, con destacados afluentes como o Deza, o Toxa, o Liñares ou o Furelos. A segunda conca fluvial en importancia da Área Santiago é a do río Tambre, cunha lonxitude total de 134 quilómetros e con dous afluentes salientables como o Dubra e, sobre todo, o río Lengüelle. Tamén o río Umia pasa polo Concello da Estrada.

Área Santiago é un grupo de traballo para a promoción turística conxunta no que participan 16 concellos: A Estrada, Arzúa, Boqueixón, Lalín, Melide, Padrón, Oroso, O Pino, Rois, Santiago de Compostela, Silleda, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces, que suman máis de 200.000 habitantes.

9 de xuño de 2015 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.