Andrés Iglesias é reelixido alcalde de Pazos de Borbén

Andrés Iglesias repite como alcalde de Pazos de Borbén
O popular Andrés Iglesias foi investido novamente alcalde esta mañá en Pazos de Borbén. As tres formacións que obtiveron representación nas eleccións votaron ao seu propio candidato, polo que o candidato popular foi proclamado primeiro edil. Os populares gobernarán grazas á maioría obtida o pasado 24 de maio, que lles outorgou 6 dos 11 concelleiros que compoñen a Corporación Municipal.
Andrés Iglesias fixo fronte ao seu primeiro discurso como alcalde cun chamamento ao diálogo e ao entendemento, vías que afirmou que sempre formaron parte da súa forma de gobernar. “Contando coa oposición de maneira construtiva, para que achegue propostas e ideas en beneficio dos veciños de Pazos de Borbén”. Iglesias mostrou a súa intención de seguir sendo un “alcalde próximo, que goberna para todos os veciños, independentemente das ideoloxías, co obxectivo de facer do noso municipio un referente en benestar e calidade de vida, cun modelo de xestión exemplar, eficaz e transparente”.
Na súa primeiro intervención como rexedor electo, Iglesias expresou o seu agradecemento “ás tantas e tantas persoas que durante estes últimos días nos transmitiron a súa calidez, apoio e confianza. Pero sobre todo quero dar as grazas a todos os nosos veciños, que colaboraron connosco, que nos orientaron e foron un interlocutor permanente para elaborar un proxecto de presente e de futuro para todos”.
Por último, o alcalde destacou a responsabilidade que leva a tarefa de gobernar, ante o que afirmou “que o compromiso deste equipo de goberno é traballar coa máxima dedicación e ambición polo ben de todos. O noso esforzo será continuo. Seguimos sen ter outros donos, nin outros intereses, máis que os dos veciños e veciñas de Pazos de Borbén”.