Airas Catering escolle Salimat para presentar a súa nova liña de menús personalizados a domicilio Xantar Contigo
A empresa Airas Catering escolleu o salón de alimentación SALIMAT ABANCA 2015, o cal se celebra ata mañá no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, para presentar a súa nova liña Xantar Contigo. Así, esta firma compostelá está a informar no seu stand deste novo programa, o cal ten como obxectivo ofrecer menús a domicilio nutricionalmente equilibrados, de calidade e personalizados.
Consistentes nun primeiro prato e nun segundo, os menús diríxense a un público que non pode dedicar tempo a cociñar ou non quere facelo pero non renuncia á calidade, incluíndo tamén aquelas persoas que teñen necesidades nutricionais especiais, como os celíacos. O custe é de 10€ por menú e día e os interesados deben subscribirse ao programa.
Xantar Contigo conta con catro dietas distintas: a Basal, destinada á poboación xeral san e sen patoloxías asociadas; a Baixa en Graxa, para a poboación con sobrepeso, a Vexetariana, a cal non inclúe ningún produto de orixe animal, e a Deportista, orientada aos que realizan deporte e exercicios de mantemento con regularidade.
Aínda que estas catro opcións xa están deseñadas, a empresa tamén se adapta aos gustos e necesitades dos seus clientes para crear dietas específicas, xa que unha das principais característica deste programa é a personalización dos menús. As outras dúas sinais de identidade de Xantar Contigo son a elaboración de receitas tradicionais con produtos frescos e a facilitación, ao facer entregas a domicilio para o número de días á semana que prefira o cliente, o cal soamente debe introducir as bandexas no microondas durante uns minutos.
Ademais, os menús de Xantar Contigo teñen unha vantaxe cualitativa importante, xa para a elaboración dos pratos non empregan métodos de elaboración agresivos nin frituras, sendo todos os pratos ao forno ou á prancha.
Airas Catering
Esta marca, creada en 2009, conta cunha gran experiencia no servizo a colectividades, como centros de día e comedores escolares. Así, contan coa licitación da totalidade dos comedores das escolas Galiña Azul, servindo 4.500 menús diarios a nenos de entre 0 e 3 anos.
Así mesmo, desde o seu centro de liña quente, situado no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA dende setembro de 2014, elabora 1.200 menús ao día para comedores dependentes da Consellería de Educación, mentres que dende a o se centro de liña fría envasada en atmosfera protectora, situado no Polígono do Tambre, sirve 1.300 menús diarios para centros de día.











