Ábrese o prazo para presentar ofertas á pavimentación de beirarrúas e renovación de servizos na avenida da Coruña
O Concello de Riveira informa da apertura do procedemento de adxudicación do proxecto de pavimentación de beirarrúas e renovación de servizos dun tramo da avenida da Coruña: unha actuación cuxo importe ascende a un total de 311.277,74 euros.
O prazo para a presentación de ofertas abarca un total de 26 días naturais incluíndo o de hoxe (conclúe o vindeiro 29 de xuño). O procedemento é aberto con multiplicidade de criterios de adxudicación e tramitación ordinaria.
A avenida da Coruña é unha das rúas máis transitadas da cidade (no seu entorno se ubican centros educativos ou o pavillón de Coroso). A día de hoxe, obsérvanse baldosas e bordillos rotos ou deteriorados. Ademais, a rede de pluviais é deficitaria e na maioría dos tramos está mesturada coa rede de saneamento.
O proxecto abranguerá o tramo comprendido entre a rotonda situada xunto ás Carolinas (descontando, claro está, o traballo feito polos alumnos do obradoiro de emprego Curota) e a escola unitaria de educación infantil existente no Caramecheiro.
A tal efecto, colocarase 451 metros liñais de bordillo prefabricado de formigón e 1.890 metros cadrados de baldosa de formigón na marxe dereita, e 527 metros liñais de bordillo e 1.707 metros cadrados de baldosa na marxe esquerda. As baldosas serán en tonalidades gris escura ou branca.
No que respecta á instalación de pluviais, disporase no tramo comprendido entre o cruce coa rúa Sidreiras e a rotonda das Carolinas dous colectores (un por cada marxe da avenida) constituídos porunha tubaxe de PVC de 400 milímetros de diámetro e 262 metros de longo e outra de PVC de 315 milímetros de diámetro e 246 de longo.
O prazo de execución das obras é de cinco meses.











