A Romaría do Rapaz venderá camisetas a favor de Silleda Solidaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O vindeiro domingo, durante a celebración da Romaría do Rapaz de Siador poñeránse á venda camisetas conmemorativas desta festa singular, adicada aos máis novos. O prezo será de 10 euros para as tallas de adulto e de 8 euros para as de nenos/as. A recadación que se logre será destinada íntegramente ao programa municipal Silleda Solidaria, a través do que se presta atención ás familias con menos recursos.

Dende a organización apóstase así por imprimir un carácter solidario a esta celebración, con múltiples actividades, obradoiros e espectáculos que volverán a encher o recinto da Saleta de Siador o domingo, durante a 27 edición do certamen, adicada ao universo do personaxe infantil Bob Esponja.

Nos últimos días, tanto a través dos obradoiros de decoración, nos que están a participar nenos e nenas na Casa da Xuventude, como dende a Concellería de Cultura, estase a proceder á montaxe e ornamentación do recinto.

O programa comeza ás 11.00 horas coa apertura dos obradoiros coa apertura de obradoiros, inchables, actividades deportivas e multiaventura, que continuarán durante toda a xornada.

Entre os obradoiros figuran un de elaboración de pan, de pulseiras artesanais, de barro, de goma eva, de cocktail sen alcohol, e de monicreques, que se suman aos xa tradicionais de maquillaxe e chapas.

Os nenos poderán disfrutar este ano cos inchables adicados ao personaxe protagonista e nas actividades deportivas ofértanse xadrez (con partidas simultáneas); o futbolín humano, e como novidade haberá unha sesión de zumba para todos os que queiran asistir a partir das 17.45 horas.

Tirolina, Rocódromo, kartbike e Zorbing, protagonizan as actividades multiaventura deste ano.

Animación do recinto, carnés de Fondo de Bikini

Durante toda a xornada celebraranse actividades musicais e de animación do recinto. A actuación do  grupo Les Bregadiers abrirá o apartado de actuacións musicais, no que tamén figura a charanga Chourizo Criollo de Silleda.

Zancudos e malabaristas, cabezudos e os diverpaiasos completan as actividades de animación. Tamén haberá servizo de palomiteira –de balde para todos os asistentes- e un photocall de Fondo de Bikini, que correrá a cargo da Anpa do CEIP de Silleda.

 Tamén ás 12.30 horas haberá Eucaristía Infantil. O recinto volverá a contar con servizo de pulpeiro.

Espectáculos e Fin de Festa

Pola tarde, ás 16.30 terá lugar o espectáculo “Dueto de Fío”, de Títeres Viravolta e ás 18.00 horas tocaralle o turno a “O Circo dos Contos” , de Cristina Collazo.

A partir das 19.00 horas darán comezo os actos de fin de festa do programa, no anfiteatro do recinto. Así, haberá unha exhibición de zumba e kun fu a cargo dos alumnos/as das Escolas Deportivas de Silleda e a continuación comezará un dos clásicos da Romaría do Rapaz: o desfile de moda confeccionada con materiais de refugallo.

O espectáculo final correrá a cargo de Cía Mundo Mandarina, coa proposta “Laboratorio Máxico”. Mandarina, unha paiasa algo trapalleira e o seu paxaro Rigoberto serán os encargados de poñer o broche de ouro a esta edición.

25 de xuño de 2015 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.