A páxina web do Concello de Riveira habilita unha nova sección de consulta online co estado dos recibos
O Concello de Riveira acaba de incorporar á súa páxina web (www.riveira.es / www.riveira.gal) un novo apartado dirixido a que os contribuíntes poidan consultar de forma online o estado dos seus recibos municipais domiciliados.
Premendo na sección baixo o epígrafe “ventanilla dixital”, os interesados acceden á sede electrónica do Concello na cal, introducindo unha serie de datos (DNI/NIF, importe, exercicio e número de recibo) poderán comprobar distintos apartados, como o concepto ao que corresponde ese recibo bancario (auga, recollida de lixo, terrazas de hostalería, escola infantil municipal, etc.), os prazos de pagamento ou se xa está liquidado ou non.











