A copa ANCCE de doma clásica centra a segunda xornada de Equina 2015

Entrega do galardón de Pura Raza Española
O evento ecuestre Equina 2015 continúa hoxe no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA con distintas seccións e clases das súas competicións centrais, o Concurso Internacional Morfofuncional de Cabalos Españois de Galicia –ANCCE e o III Concurso AECCA de Galicia, unha proba morfolóxica de cabalos árabes de categoría nacional.
En canto á competición de cabalos de pura raza española, esta mañá celebráronse as seccións de poldros e poldras de 4 anos, as de cabalos e eguas de 5 e 6 anos e as de cabalos de 7 e máis anos. Xa pola tarde levaranse a cabo as seccións de cabalos de 4 anos en diante deste concurso morfofuncional e tamén a copa ANCCE de doma clásica, a cal é clasificatoria para a final do Campionato de España, que se celebrará no marco do salón SICAB, en Sevilla do 17 ao 22 de novembro deste ano.
Mañá rematarase o Concurso Morfofuncional coas seccións de cabalos castrados de máis de 3 anos e de cobras de 3 e 5 eguas e tamén cos premios especiais. Tamén se celebrará a Copa ACCEGA de Clubs Galegos, de doma clásica.
Por outra banda, no III Concurso A.E.C.C.A de Galicia xulgáronse esta mañá as seis clases de poldros e poldras, de 1 a 3 anos, sendo pola tarde a quenda das eguas e sementais de 4 a 6 anos e de 7 e máis anos, ademais da Clase Futurity, na cal sairán a pista poldros que aínda están coas súas nais. Os exemplares que se clasifiquen hoxe disputarán os campionatos de poldros, poldras, eguas e sementais mañá pola mañá, cando tamén se outorgarán os premios especiais deste concurso.
Equina 2015, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) e a Asociación Galega de Criadores de Cabalos Árabes (AGCCA), terá rematados todos os seus concursos mañá en torno á 14.30 horas, se ben o evento finalizará a primeira hora da tarde cun espectáculo de carrusel ecuestre a cargo de “Cequs Veiguiña”
Visita do Vicepresidente da Xunta de Galicia
Equina 2015 contou esta mañá coa visita do vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente da Fundación Semana Verde de Galicia, Alfonso Rueda, quen presenciou as saídas a pista dalgúns exemplares e entregou varios galardóns. Así, no Concurso Internacional Morfofuncional de Cabalos Españois de Galicia –ANCCE entregou o galardón ao primeiro clasificado da sección 12, correspondente a cabalos de 7 e máis anos, o cal recaeu en Gracioso D, da Yeguada Swen Uwe, de Xinzo de Limia (Ourense).
En canto á competición de cabalos árabes, o III Concurso A.E.C.C.A de Galicia, Alfonso Rueda entregou os premios aos dous clasificados da clase “poldros de 2 anos”, sendo o primeiro clasificado o poldro J.L Darwin, propiedade de Javier Lapido Casal (Brión), e o segundo Rap Kalifa, propiedade de Tino Vázquez Latas, da Yeguada Lucus Gemelos (Santa María de Bóveda- Lugo)











