publicidade hoxe

Xornada de convivencia no Multiusos das Pozas para os usuarios de Teleasistencia de Mos, Porriño e Salceda de Caselas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMosO PorriñoSalceda de Caselas
A-
A+

A deputada provincial Marta Iglesias, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Benestar Social mosense, Sara Cebreiro, acompañaron hoxe pola tarde no Multiusos mosense a usuarios e usuarias de teleasistencia domiciliaria dos Concellos de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas nunha xornada de convivencia organizada pola Deputación de Pontevedra. En total participaron nesta xornada de Mos 34 veciños  e veciñas dos tres municipios arriba mencionados: 20 usuarios e 14 acompañantes dos mesmos.

A data do mes pasado, abril de 2015, eran 30 veciños de Mos, 13 de Salceda de Caselas e 23 do Porriño os usuarios activos do Servizo de Teleasistencia, financiado pola Deputación de Pontevedra en colaboración cos seus respectivos Concellos. O de Mos é o segundo municipio da provincia con máis usuarios en activo, despois do de Tomiño.

Os participantes na xornada de convivencia celebrada hoxe pola tarde en Mos gozaron de actividades de animación e dunha merenda, antes de volver aos seus fogares.

Dende o programa de Teleasistencia Domiciliaria, que promove a Deputación de Pontevedra para os Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, neste exercicio 2015 estanse levando a cabo unha serie de liñas de actuación cos beneficiarios e familiares do programa, atendendo ás distintas comarcas.

O 2015 é o segundo ano que se veñen realizando estas actividades e a de hoxe en Mos foi a II Xornada de Convivencia do Servizo de Teleasistencia do presente ano, a primeira celebrouse na localidade de Agolada. Esta iniciativa pioneira púxose en marcha en xuño de 2014 e, dende entón, estase a realizar en distintos puntos da provincia ofrecéndolles aos usuarios a posibilidade de pasar unha tarde de lecer, con actividades diversas e merenda, co obxectivo de que poidan contactar con outras persoas, intercambiar experiencias, e romper a rutina o illamento e a soidade.

O Servizo de Teleasistencia presta apoio a 400 persoas soas de concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra. Cando a soidade se suma aos problemas de saúde e á idade avanzada, resulta moitas veces difícil permanecer no fogar sentíndose seguro. O servizo de Teleasistencia facilita esta permanencia, ao garantirlle ás persoas de idade avanzada ou con problemas de saúde que viven soas unha atención continuada e a seguridade de que, ante calquera eventualidade, recibirán os coidados que precisan.

Trátase na maior parte dos casos de persoas de idade avanzada que viven soas ou que pasan a maior parte do día en soidade, polo que dispoñer dun sistema que lles permite pedir axuda a calquera hora do día os 365 días do ano, con só pulsar un botón, lles dá seguridade e tranquilidade.

Todos eles saben que sempre terán alguén a quen acudir ante calquera emerxencia, pero non só iso, senón tamén cando se sintan sós e precisen alguén con quen falar.

De feito, a loita contra a soidade é un elemento central deste programa, que non só inclúe o desprazamento de recursos (061, bombeiros…) cando o usuario sofre algún accidente ou enfermidade, senón tamén visitas periódicas para paliar os sentimentos de ansiedade ou illamento e, desde o ano pasado, unha actividade pioneira orientada a enriquecer a vida social das persoas atendidas mediante xornadas de convivencia como a de hoxe.

8 de maio de 2015 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.