Uns 90 deportistas afeccionados participan nas ligas de tenis e pádel organizadas pola Comisión de Festas de Silleda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+
Un dos partidos de pádel disputados

Un dos partidos de pádel disputados

As pistas municipais do Concello de Silleda acollen dende hai días sendas ligas de tenis e pádel, organizadas pola Asociación Comisión de Festas de Silleda como parte das actividades de dinamización previas ós festexos de verán. Nas dúas competicións participan un total de 90 deportistas afeccionados, procedentes maioritariamente do municipio trasdezá, aínda que tamén chegados doutros puntos da comarca ou de localidades próximas como A Estrada.

A Liga de Tenis, que comezou a disputarse a principios deste mes de maio, conta con 24 xogadores, mentres que na Liga de Pádel compiten dende a pasada semana un total de 66 inscritos, “un gran éxito de participación”, segundo apuntan dende a organización dos festexos.

Os partidos dispútanse a diario, nos horarios acordados polos propios participantes en función da súa dispoñibilidade. Ambas competicións concluirán a finais do próximo mes de xuño coa entrega dos correspondentes trofeos ós gañadores.

Por outra banda, a Asociación Comisión de Festas de Silleda ultima a organización do 1º Maratón Open de Pádel Concello de Silleda, que se celebrará, previsiblemente, os días 4 e 5 de xullo. O prazo de inscripción para esta cita abrirase en breve.

20 de maio de 2015 | 10:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.