Uns 300 atletas daranse cita no III Triatlón Concello de Riveira
Esta mañá a Casa Consistorial foi o escenario da presentación da terceira edición do Triatlón Concello de Riveira. A proba está prevista para este domingo, día 31 de maio, e participarán preto de 300 atletas.
Esta edición puntúa para o campionato galego e dá acceso á proba nacional. Contará con dúas categorías. Unha orientada aos que se inician neste deporte chamada “super-sprint”, na que están inscritos 20 mulleres e 72 homes. A outra modalidade, coñecida como “olímpica” ou “estándar”, contará con 15 mulleres e 191 homes.
A proba olímpica comezará ás 10 horas cun percorrido de 1.500 metros de natación na praia de Coroso. Este será un dos puntos máis complicados da proba debido as condicións meteorolóxicas previstas para ese día con rachas de vento do nordeste de 37 km/h. Posteriormente afrontarán 40 kilómetros a bicicleta que comezará no paseo do Coroso, subirán ata autovía e darán a volta para volver polas Carolinas, seguirán pola avenida da Coruña ata o García Bayón, avenida do Malecón e darán a volta no novo edificio da Cruz Roja. Os participantes deberán dar 5 voltas a este percorrido. Para finalizar os triatletas terán que correr 10 kilómetros durante 4 voltas a un circuíto que irá dende o paseo marítimo ata a entrada da Lonxa.
Entre os participantes máis salientables atópanse Diego Paz (gañador da última edición), Luís Miguel Velázquez, Iván Cáceres ou o local Ismael López. Na proba feminina destacan as riveirenses Sabela Pensado e Elena Fernández.
No acto participaron Juan Luís Martínez, concelleiro de Deportes; Oscar Surís, presidente da Federación Galega de Triatlón; Jose Carlos Matilla, vicepresidente do Club de Natación Riveira; Antonio Bermo, portavoz da sección de triatlón do Club de Natación Riveira; e Juan Carlos Brión, directivo da federación.











