Un cento de alumnos do Grupo e Frións visitaron a illa de Sálvora

Visita dos escolares á illa de Sálvora
O pasado luns, día 18 de maio, 112 nenos, nenas e mestres dos colexios de O Grupo e Frións visitaron a illa de Sálvora con motivo do Día Internacional dos Museos. Esta saída enmárcase dentro do Maio Cultural 2015 impulsado pola concellería de Cultura e Festexos, liderada por Elvira Pisos, e a de Educación e Servizos Sociais, encabezada por Mari Carmen Vizcaya.
Os cativos visitaron a aldea, a fonte de Santa Catalina, os hórreos das Heroínas e o de Luis Cebreiro, e o almacén-pazo de Sálvora. Os alumnos recibiron un bocata, froita, iogur e agua para almorzar na eira de mallar empedrada. Tamén foron agasallados cun folleto sobre o Parque Nacional das Illas Atlánticas, e das especies vexetais e animais cas que conta.
A saída tivo lugar ás 10.00 e a volta as 14.00 horas. Os visitantes contaron coa compañía de Mario Vidal, Sandra Fernández, Alicia Padín e Unai González, técnicos de Xuventude, Turismo, Normalización Lingüística e Cultura, respectivamente.
Segunda saída
Está é a segunda visita que se realiza á illa de Sálvora con motivo do Maio Cultural 2015. O pasado sábado, día 16 de maio, máis dun centenar de veciños gozaron das maravillas que ofrece este emprazamento privilexiado.











