Últimos días para inscribirse no Porriño nos cursos do programa “Actívate 2015”
Co fin de potenciar a integración no mundo laboral dos mozos da nosa localidade, á vez que adquiren un maior enriquecemento cultural e persoal, o Concello do Porriño, a través da OMIX e en colaboración coa Deputación de Pontevedra, pon en marcha o programa “Actívate 2015”.
O programa consiste na oferta de dous cursos: “Deseño, Planificación e Desenvolvemento de Actividades de Lecer e Tempo Libre” e “Coidados Básicos para persoas dependentes”. Ambas as accións formativas están dirixidas aos mozos e mozas empadroados no Porriño, con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos (ambas incluídas), desempregados ou en activo; podendo solicitarse os dous cursos.
No caso de que o número de solicitantes excedese as prazas ofertada para cada curso terán prioridade as persoas desempregadas do Porriño ante as que están en activo.
Cabe destacar, que no caso de que quedasen prazas vacantes poderían participar persoas doutros municipios ou aqueles interesados en realizar estas actividades pero que non cumpren o requisito de idade.
Ambos os cursos impartiranse no centro Multiusos de Torneiros e terán unha duración de 40 horas lectivas, combinando práctica e teoría.
Todos aqueles interesados en participar poden presentar a súa solicitude ata o venres 5 de xuño ás 14:00 horas, nas dependencias da OMIX no Centro Cultural Municipal. Esta deberá ir debidamente cumprimentada e acompañada do certificado de empadroamento e unha fotocopia do DNI ou pasaporte en vigor. Os impresos de solicitude xa están a disposición dos interesados na OMIX.











