Riveira activa o expediente para a renovación de beirarrúas na avenida da Coruña e a instalación de pluviais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

A xunta de goberno local acaba de dar luz verde ao expediente dirixido á execución do proxecto de renovación do pavimento das beirarrúas e instalación de rede de pluviais na avenida da Coruña. Esta acción, consignada nos orzamentos deste ano e que sairá a licitación en breve en concurso aberto, comporta un investimento de 316.919,56 euros. O seu prazo de execución son cinco meses. 

A avenida da Coruña é unha das rúas máis transitadas da cidade (no seu entorno se ubican centros educativos ou o pavillón de Coroso). A día de hoxe, obsérvanse baldosas e bordillos rotos ou deteriorados. Ademais, a rede de pluviais é deficitaria e na maioría dos tramos está mesturada coa rede de saneamento.

O proxecto abranguerá o tramo comprendido entre a rotonda situada xunto ás Carolinas (descontando, claro está, o traballo feito polos alumnos do obradoiro de emprego Curota) e a escola unitaria de educación infantil existente no Caramecheiro. 

A tal efecto, colocarase 451 metros liñais de bordillo prefabricado de formigón e 1.890 metros cadrados de baldosa de formigón na marxe dereita, e 527 metros liñais de bordillo e 1.707 metros cadrados de baldosa na marxe esquerda. As baldosas serán en tonalidades gris escura ou branca. 

No que respecta á instalación de pluviais, disporase no tramo comprendido entre o cruce coa rúa Sidreiras e a rotonda das Carolinas dous colectores (un por cada marxe da avenida) constituídos porunha tubaxe de PVC de 400 milímetros de diámetro e 262 metros de longo e outra de PVC de 315 milímetros de diámetro e 246 de longo.

21 de maio de 2015 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.