Regresa ao Porriño o Circuíto Galego de Teatro Amador

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

Este fin de semana arrinca a programación de teatro amateur que o Concello do Porriño, a través da súa concellaría de Cultura, e Atrezo Teatro, achega ao noso municipio dentro do Circuíto Galego de Teatro Amador, organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado.

Esta mañá, o alcalde do Porriño Nelson Santos, a concelleira de Cultura, Teresa Veloso, e a presidenta da Fegatea, Chelo Pampillón presentaron a programación que conformará esta mostra das artes escénicas. Serán catro as representacións teatrais que deleitarán aos amantes das táboas, a cargo todas elas de compañías de actores afeccionados que, a pesar de non ser profesionais, dan sobradas mostras de talento, impregnando dunha notoria calidade cada unha das súas aparicións en escena.

Así, o sábado 9 de maio, a compañía Teatro Escoitade representará “Exposición de catro mementos”, de Doro Piñeiro. O domingo, 10 de maio, será a quenda do grupo de danza-teatro Nostrum Cai con “Alba. A casa pechada”, unha particular versión de “A casa de Bernarda Alba”, de Federico García Lorca.

A programación continúa o fin de semana seguinte, coa posta en escena o sábado, 16 de maio, de “A caixiña dos soños” de Fanfarra dos soños , que fará as delicias de pequenos e maiores. Como broche final, o domingo 17 de maio, O Aturuxo de Melpómene subirase ao escenario para representar a súa traxicómica reflexión sobre a crise económica, “Desencaixados. Esperpéntica crise”.

Todas as representacións serán ás 20:30 horas, no salón de actos do Centro Cultural Municipal. Nesta ocasión, o teatro amateur quixo tinguir de solidariedade o seu certame e colaborar cos máis necesitados. Así, o único requisito para poder gozar destas xornadas de teatro, será doar un quilogramo de alimento non perecedoiro en beneficio do Programa Municipal de Alimentos SOS Porriño.

6 de maio de 2015 | 20:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.