Preséntasen 58 traballos á cuarta edición do certame de Microcurtas e Microrrelatos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O prazo para participar no IV Certame de Microcurtas e Microrrelatos convocado polo departamento municipal de Normalización Lingüística, que dirixe Margarita Campos, vén de rematar coa presentación dun total de 58 traballos. Así, no caso dos microrrelatos presentáronse un total 56 traballos, 22 na categoría de 6 a 12 anos, e outros 34 na categoría de 13 anos en adiante. Na sección de microcurtas só se presentaron 2 traballos.

Nesta cuarta edición a temática foi, nos dous certames, a integración social, baixo o lema “Collemos tod@s”. Así mesmo, nesta edición colabora tamén a Asociación de Comerciantes de Silleda ECOS.

O xurado, que dará a coñecer o seu fallo esta semana estará composto pola concelleira Margarita Campos e por profesionais do sector dos medios de comunicación e do audiovisual.

No caso das microcurtas, o gañador ou gañadora levará como premio unha tablet valorada en 100 euros; 1 vale de 25 euros para canxear en comercios asociaciados de ECOS (por xentileza do colectivo). Tamén recibirá 2 entradas para asistir ao espectáculo “Menú do día”, con Carlos Blanco e Luis Dávila o vindeiro sábado 16 de maio.

Ademais, o centro educativo ao que pertenza, de ser o caso, recibirá un vale de 50 euros para mercar libros en galego en establecementos do municipio. De non tratarse dun alumno/a dun centro educativo, a Concellería de Normalización Lingüística entregará os libros á Campaña de Recollida de Material Escolar.

No caso dos Microrrelatos o premio será para o gañador/a da categoría de 6 a 12 anos, un e-book, ou libro electrónico, valorado tamén en 100 euros; e un vale de 25 euros por xentileza de ECOS.

Na categoría de 13 anos en adiante, ademais de un e-book tamén se entregarán outras dúas entradas para o espectáculo “Menú do día”. Tamén no caso de pertencer a centros educativos se entregarán vales para compra de libros, nas mesmas condicións reseñadas anteriormente.

“Con este certame queremos fomentar a creatividade ademais de contribuir ao uso do galego sobre todo entre a poboación máis nova. E ademais este ano co lema da integración social tamén estamos a axudar a concienciar á nosa mocidade sobre esta cuestión”, engade a concelleira. A orixinalidade e a creatividade dos traballos serán as liñas básicas para xulgar os traballos.

11 de maio de 2015 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.