publicidade hoxe

O secretario xeral de Política Lingüística visita o festival de Cans co alumnado do CEIP Manuel Fraga Iribarne de Cariño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Valentín García no Festival de Cans

Valentín García no Festival de Cans

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitou esta mañá o Festival de Cans cun grupo de 100 alumnos e alumnas do CEIP Manuel Fraga Iribarne de Cariño (A Coruña), un dos centros gañadores da pasada edición do certame audiovisual de dinamización lingüística “Nós tamén creamos!”. Acompañáronos o director do Festival de Cans, Alfonso Pato; e mais o alcalde de O Porriño, Nelson Santos.

Logo de fotografarse no xa famoso chimpín, os escolares tiveron ocasión de percorrer a aldea de Cans e de coñecer así as instalacións onde se desenvolve esta semana un dos encontros cinematográficos máis famosos de Galicia. Asistiron tamén ao pase de varias curtas de distintos xéneros e mantiveron senllos encontros cos actores Federico Pérez e Xosé Antonio Touriñán.

Cans do futuro

Os nenos e nenas do CEIP Manuel Fraga Iribarne de Cariño son os gañadores dun dos premios da pasada edición de “Nós tamén creamos!” pola curta de animación “O último canto” que eles mesmos elaboraran coa técnica stop-motion. O seu traballo vese recoñecido unha vez máis co convite do Festival de Cans e da Consellería de Cultura e Educación para participaren en Cans do futuro, unha actividade dirixida a escolares e destinada a darlles a coñecer de primeira man este festival de cine. As sesións de Cans do Futuro do Festival de Cans 2015 estanse desenvolvendo desde o mércores e a elas acode alumnado de diferentes centros educativos do concello do Porriño ou doutros concellos próximos.

Curtas de animación en galego

“Nós tamén creamos!” é un programa de dinamización lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coa Compañía de Radio-Televisión de Galicia e con OQOeditora a través do cal escolares de educación infantil e primaria elaboran curtas de animación en galego que adaptan narracións literarias. O profesorado recibe materiais e formación, no marco do Plan Proxecta, para levaren adiante co seu alumando estes proxectos cinematográficos.

“Nós tamén creamos!” fomenta o uso do galego nos centros educativos en novos espazos e soportes; a innovación na aprendizaxe de linguas; unha relación positiva dos rapaces e rapazas coa lingua galega; a lectura e a creatividade no idioma propio de Galicia e a presenza do galego en internet.

Apoio ao Festival de Cans

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e tamén da AGADIC, co Festival de Cans no desenvolvemento da duodécima edición deste certame de curtametraxes galegas, que ten lugar do 20 ao 29 de maio na aldea do Porriño da que toma o nome.

Ademais da proxección das 19 curtas e dos 20 videoclips que entran a concurso, o programa inclúe estreas de longametraxes, concertos, coloquios e presentacións de novos proxectos, así como a actividade Cans do Futuro, dirixida a escolares.

22 de maio de 2015 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.