O renovado lago da FIG reestrearase no salón Fecap 2015 e acollerá todo o ano actividades como terapias e adestramentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+

O renovado lago da Feira Internacional de Galicia reestrearase no salón Fecap 2015 e acollerá  todo o ano distinto tipo de actividades. Isto será posible grazas ao labor de acondicionamento do lago que está a desenvolvera Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, que tamén forma parte do comité organizador deste certame feiral.

Así, este espazo contará cun programa anual que contemplará distintas liñas de acción e que xestionará a Sociedade de Caza e Pesca de Silleda, que tamén se encargará do mantemento do lago. Unha das liñas centrarase na solta de peixes para que todos os afeccionados podan practicar nel a pesca sen morte, tanto durante a veda como na tempada de pesca, época na que está pensado especialmente para aquelas persoas con problemas de mobilidade que non poden acudir aos ríos, xa que será totalmente accesible. 

Outro dos seus usos estará centrado nos profesionais da pesca, aos cales se lles ofrecerá a posibilidade de adestrar para concursos ou campionatos durante os meses nos que non poden practicar este deporte, xa que non contan con ningunha lagoa artificial en Galicia para facelo e deben desprazarse fóra da Comunidade.

Por outra banda, o lago pretende ter tamén un uso social e formativo, polo que a Sociedade de Caza e Pesca de Silleda proporá a distintas entidades a posibilidade de realizar terapias con colectivos como a terceira idade ou persoas con discapacidades psíquicas, e tamén a de levar a cabo demostracións e charlas a escolares, co obxectivo de darlles a coñecer a actividade da pesca. 

Reestrea na feira Fecap 2015 

O lago estreará esta nova etapa de actividade na II Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap 2015, a cal se celebrará no recinto do 11 ao 14 de xuño coincidindo coa Semana Verde de Galicia e avalada por un comité organizador do que tamén forma parte a Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Esta nova posta en marcha levarase a cabo con diversas actividades que organizará nel a Federación Galega de Pesca, realizando demostracións de pesca de salmónidos lance por parte do campión autonómico desta disciplina no ano 2014, Pedro Toucedo, e tamén de pesca a mosca por parte de membros da Selección Galega de Pesca Xuvenil. Así mesmo, no lago realizarase unha exhibición de emprego de peixes artificiais para troita.

A estas propostas a Federación sumará en Fecap, pero xa fóra do lago, unha exposición de carretes de pesca antigos da marca Segarra, propiedade de José Luis Lago, e numerosas demostracións de montaxe de aparellos, entre elas, de moscas a cargo do veterano profesional Rafael de la Iglesia, de baixos para auga doce, de artificiais para pesca de troita, de moscas realistas (un tipo no que case parecen o insecto), de señuelos para pesca de cefalópodos, de como anelar unha caña e de nós e baixos surf casting.

O lago

O lago da Feira Internacional de Galicia conta cunha superficie de 1.615 m², un perímetro de 200 m e unha profundidade máxima de 2 metros, mentres que a súa capacidade supera os 3,5 millóns de litros de auga.

As melloras que se están a realizar nel por parte da Dirección Xeral de Conservación da Natureza céntranse na recuperación da súa zona perimetral, o control da auga, a solta e control de habitabilidade de peixes e a colocación de vallas, ademais do acondicionamento da carballeira.

29 de maio de 2015 | 11:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.