publicidade hoxe

O Porriño renova a súa cooperación con Aceesca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O alcalde en funcións do Porriño Nelson Santos e a presidenta de ACEESCA, Mª Luz Fernández, acompañados da xerente Ángeles Leirós, formalizaron onte dous convenios de colaboración entre ambas as entidades, un destinado á propia Asociación, cooperando co desenvolvemento e labor diario da mesma, e outro dirixido ao Centro Especial de Emprego, co obxectivo de fomentar a contratación dunha persoa con discapacidade.

Ambos os acordos, baseados en senllas achegas económicas de 10.000 euros, son anuais e cunha vixencia de catro anos. Un deles é para colaborar co tres centros de que dispón a asociación, o Centro educativo, o Centro de día e o Centro ocupacional,  que a día de hoxe integran preto dun centenar de usuarios non só do Porriño, senón doutros municipios da contorna. 

Por outra banda, atópase o Centro Especial de Emprego, unha empresa creada co fin de dar unha saída profesional ás persoas con discapacidade intelectual como paso previo a unha posible inserción laboral na empresa ordinaria. As súas actividades son xardinaría, xestión de residuos, transporte, limpeza de instalacións e apoio a persoas con discapacidade, tendo como clientes aos concellos do Porriño, Mos ou Salceda, así como a outras entidades privadas.

O rexedor destacou unha vez máis “o esforzo que desde o Concello está a realizarse en materia de benestar social e emprego, cuestións que sempre foron prioritarias reflectidas precisamente en ambos os convenios”. Neste sentido, Nelson Santos quixo felicitar a ACEESCA  pola súa “contribución a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual, favorecendo a súa autonomía persoal e integración e participación na súa contorna máis próxima”.

29 de maio de 2015 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.