O Porriño renova a colaboración con proxecto Home Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

Co obxectivo de contribuír na rehabilitación das persoas con problemas de drogodependencia e apoiar os programas de prevención, tratamento e reinserción social das mesmas, o Concello do Porriño renovou esta semana a súa colaboración con Proxecto Home Galicia.

O convenio entre ambas as entidades, que supón unha achega económica de máis de 7000 euros, formalizouse na Casa Consistorial, onde o alcalde do Porriño, Nelson Santos, e a concelleira de Benestar Social, Teresa Veloso, recibiron a Ramón Gómez, Presidente de Proxecto Home Galicia, e a Jerónimo García, Vicepresidente da Asociación de Familias e Amigos de Proxecto Home Galicia.

Durante o encontro, o rexedor quixo destacar o “importante labor humano que realiza esta asociación para axudar á recuperación e reinserción sociolaboral das persoas que padecen esta terrible enfermidade. Como administración e como persoas debemos estar á altura e apoiar este labor”.

E é que a rehabilitación e a reinserción das persoas afectadas por esta secuela é unha das prioridades dos Servizos Sociais do Concello do Porriño, que achegan un servizo transversal aos usuarios da UAD (Unidade de Atención a Drogodependentes) a fin de lograr non só a súa recuperación, senón a súa completa autonomía persoal.

Neste sentido, Ramón Gómez, quixo destacar a implicación do noso municipio neste ámbito “a pesar da difícil situación económica que atravesamos, na que moitas administracións e organismos reduciron a súa colaboración connosco mesmo ata a súa desaparición, o Concello do Porriño sempre fixo o esforzo de manter esta axuda, o cal deixa patente a súa implicación con este problema que afecta á nosa sociedade ao completo”. Proxecto Home Galicia leva máis de 21 anos traballando na nosa comunidade autónoma, no marco da rehabilitación e reinserción social de persoas con todo tipo de adiccións. Na actualidade contan con máis de 2.000 Altas Terapéuticas froito do seu programa educativo-terapéutico, cifra que deixa patente a eficacia e profesionalidade con que desenvolven o seu traballo

7 de maio de 2015 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.