O equipo de Nelson Santos pretende impulsar unha escola de hostalaría con comedor social
Unha escola de hostalaría cun comedor social, esta é unha das iniciativas propostas polo equipo de Nelson Santos que concorre ás eleccións municipais do 24 de maio. O actual alcalde comprométese á posta en marcha de diversas accións formativas en materia de restauración, un dos sectores que está a xerar máis emprego nos últimos tempos, e para o que o Multicentro de Torneiros dispón xa das instalacións adecuadas. Ademais, este proxecto de promoción da formación, e consecuentemente do emprego, suporá tamén un beneficio en materia de benestar social, e é que todo o cociñado polo alumnado da escola será servido diariamente ás persoas máis necesitadas do municipio, creándose así un comedor social.
Nelson Santos volve apostar polo emprego e o benestar social como os dous alicerces fundamentais nos que traballar durante o próximos catro anos, “porque son as dúas necesidades máis inmediatas na nosa sociedade e por tanto, como actual alcalde e candidato á Alcaldía, darei resposta a estas demandas”, subliña. Neste apartado, é a destacar tamén outras iniciativas propostas de face á próxima lexislatura como a posta en marcha dun call center a través do cal se xestionarán ofertas de emprego, axudas económicas a emprendedores e bonificacións a empresas pola contratación de desempregados porriñeses, unha aplicación móbil para ofertas de emprego e un novo calendario con diversas accións formativas dirixidas a dar resposta á demanda do actual mercado laboral. Polo que respecta a benestar social, os 27 candidatos da lista popular porriñesa propoñen a continuidade de axudas aos colectivos máis desfavorecidos e do programa municipal de alimentos SOS Porriño.
Continuando a liña de traballo iniciada fai cinco anos, o equipo de Nelson Santos aposta por seguir con obras de mellora no municipio, tanto o centro urbano como en todas as parroquias. Así se continuará traballando no acondicionamento do paseo do río Louro, a rede de saneamento alcanzando o cento por cento da poboación e a peonalización do centro urbano. En materia de deportes e cultura, a aposta céntrase en seguir facendo partícipes dos diferentes eventos festivos aos propios veciños, que sexan eles os protagonistas de todas as festas celebradas ao longo do ano e organizar máis actividades nas parroquias. No ámbito deportivo, continuarase apoiando a todos os clubs, apostando por traer novas especialidades como pode ser o automobilismo, o pádel, esgrímaa ou o fútbol praia e crear unha liga de afeccionados ao fútbol.
E todo iso co único obxectivo de alcanzar o mellor para O Porriño e para os porriñeses. Un programa de actuacións que, a maiores de novas achegas, céntrase na continuidade do traballo iniciado fai cinco anos con Nelson Santos na Alcaldía.











