O Concello do Porriño renova a súa colaboración co Festival de Cans

Renovación do convenio
O alcalde do Porriño, Nelson Santos, a presidenta da asociación cultural Arela, Keka Iglesias, e o director do Festival de Cans, Alfonso Pato, formalizaron esta mañá a renovación do convenio de colaboración co que o Concello do Porriño apoia novamente este afamado evento.
Xa no ano 2010, o Concello asinou un acordo con Arela, asociación responsable da organización do festival, no que, ademais da achega económica, recollíase a cesión de infraestruturas e servizos, cunha duración de catro anos. Unha vez transcorrido este período, procedeuse á renovación do convenio, incrementando nun 50% a achega económica, pasando esta de os 10.000 aos 15.000 euros, cantidade que se mantén nesta ocasión.
“Fixemos un importante esforzo por manter a partida destinada ao Festival de Cans, pero consideramos que, como administración local, debemos contribuír a que esta festa do cine e a cultura se siga celebrando no noso municipio” , explicou o rexedor, “desde o Concello do Porriño apoiaremos sempre este evento, que conseguiu facer soar o nome do Porriño non só en Galicia, senón en España e mesmo a nivel internacional”.
Desde o Concello ademais, contribúese e colabora en cuestións de seguridade e tráfico, así como na limpeza e acondicionamento das diferentes zonas en que se celebrará o Festival.











