publicidade hoxe

O alcalde do Porriño reúnese coa conselleira de Sanidade para tratar a ampliación do centro de saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Reunión do alcalde do Porriño con Rocío Mosquera

Reunión do alcalde do Porriño con Rocío Mosquera

Os orzamentos da Xunta de Galicia para o 2016 incluirán unha partida orzamentaria destinada ás obras de ampliación do Centro de Saúde do Porriño. A conselleira de Sanidade da Xunta de Galicia, Rocío Mosquera, comprometíase así co alcalde do Porriño, Nelson Santos, e coa concelleira de Sanidade, María José Martínez, tras o encontro que mantivo no seu despacho no Edificio Administrativo do Servizo Galego de Saúde no santiagués barrio de San Lázaro, para tratar a ampliación do centro de saúde. 

“A ampliación do centro de saúde do Porriño é unha cuestión que levamos solicitando tempo. Aínda que podemos dicir que a día de hoxe este centro cumpre todos os requisitos necesarios para atender a calquera cidadán, o número de usuarios incrementouse considerablemente nos últimos anos polo que a ampliación destas instalacións é esencial para continuar dando resposta ás necesidades reais deste centro”, explica o rexedor.

Durante o transcurso da reunión, e tras a exposición de motivos do rexedor, a titular da carteira sanitaria comprometeuse tamén á realización este mesmo ano, por parte do Sergas e con medios propios, dun proxecto arquitectónico para a citada ampliación. 

Por último, e a petición de Nelson Santos, a conselleira de Sanidade comprometeuse a visitar nos próximos días o centro de Saúde e a Unidade de Drogodependencias do Concello do Porriño, para valorar coa xefa de servizo do centro a dotación necesaria para esta infraestrutura. 

22 de maio de 2015 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.