Nelson Santos e o seu equipo reúnense con veciños de todas as parroquias do Porriño
O equipo de Nelson Santos está a celebrar reunións en todas as parroquias do Porriño para estar máis de preto cos veciños e coñecer as súas demandas e propostas. O actual alcalde, acompañado do seu número dous Carlos Martínez, e dos integrantes da candidatura de cada unha das parroquias iniciou unha rolda de charlas coloquios co obxectivo de dar a coñecer o seu proxecto de futuro para O Porriño e para os porriñeses pero sobre todo para escoitar as peticións dos veciños coa finalidade de poder valoralas e estudar a súa posible execución, dando solucións aos problemas expostos. “Que cada veciño achegue a súa visión, a súa demanda, que nos consulte as súas dúbidas e inquietudes… iso é o que queremos e buscamos con estas reunións”, explica Santos, “porque o que perseguimos é construír un Porriño mellor coas achegas de todos e atendendo ás demandas dos veciños”.
O venres e onte domingo estiveron en dous barrios de Atios, Nelson Santos, Carlos Martínez e os candidatos por devandita parroquia Ramón Porto e José Manuel Fernández. O sábado celebraron o encontro en Carracido, coa presenza da candidata Mónica Gameiro e en Pontellas con Iria Lorenzo e Beatriz Correa. Ao longo desta semana, e ata o inicio da campaña na medianoite do xoves, continuarán con estas reunións nas demais parroquias: Torneiros, Budiño, Cans, Mosende e Chenlo.











