“Libros na rúa” logrou recadar 552 euros para o programa Silleda Solidaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O certame Libros na Rúa, organizado pola Concellería de Educación de Silleda, celebrouse onte con un grande éxito. Ademais das actividades de animación á lectura e obradoiros, que encheron a praza da Igrexa de Silleda, no mercadiño de libros usados vendéronse un total de 552 exemplares,  ao prezo unitario de 1 euro.

“Esta iniciativa foi todo un éxito. O resultado é que ademais de conseguir que 552 libros cambiaran de man, que os nenos e nenas celebraran unha xornada arredor da lectura, entre todos logramos que o programa municipal Silleda Solidaria dispoña de máis fondos para poder seguir axudando ás persoas con menos recursos”, indica a concelleira de Educación, Pilar Peón.

Así, agradece a todos os centros educativos e Anpas que participaron na xornada a súa “grandísima colaboración con esta actividade, así como a todas aquelas persoas que contribuiron mercando libros con esta iniciativa”, engade a concelleira.

Ademais dunha sesión de contacontos, tamén se celebrou un obradoiro de marcapáxinas e a actividade “O Gran Xogo do Día das Letras”.

A elevada participación de público súmase ao exitoso balance desta iniciativa novidosa, na que os asistentes tiveron a oportunidade de contar con títulos moi variados, dende novelas, libros infantís, ensaios, teatro, poesía…

Este mercadiño solidario de libros, que se celebrou por primeira vez en Silleda, enmarcouse na celebración do Día das Letras.

19 de maio de 2015 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.