Importadores, distribuidores e restauradores de 14 países buscarán propostas en Salimat 2015
O Salón de Alimentación do Atlántico, SALIMAT 2015, o cal se celebrará do 11 al 14 de xuño na Feira Internacional de Galicia, coincidindo coa SEMANA VERDE DE GALICIA, volverá contar no seu programa cos Encontros Nacionais e Internacionais de Compradores, unha ferramenta recoñecida polas empresas como de gran eficacia comercial para abrir novos mercados que está financiada co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
Nesta edición dos Encontros os expositores presentes no salón poderán mostrar os seus produtos a 21 importadores alimentarios EE.UU, México Brasil, Colombia, Panamá, Xapón, China, Rusia, Marrocos, Alemaña, Reino Unido, Francia e Italia, a 2 distribuidores de España e a 5 empresas hostaleiras galegas. Unhas cifras que supoñen o dobre de compradores que na pasada edición (en 2014 foron 14) e tamén o dobre de países de procedencia, xa que nesta ocasión son 14 e na pasada edición foran 7.
En canto aos importadores participantes é destacable a presenza de compradores dos continentes americano e asiático, os cales suman un total de 13 participantes que buscarán no salón propostas para ofrecer nos países onde desenvolven o seu traballo.
Respecto ás empresas hostaleiras galegas, acoden por primeira vez para coñecer novos produtos que podan incorporar aos seus restaurantes e hoteis. O obxectivo da súa incorporación, para a cal se aproveitaron as sinerxías da feira de turismo Turexpo Galicia, é potenciar a vertente profesional de Salimat, con vocación de ir acrecentando a participación deste perfil de compradores en futuras edicións e ampliar así o servizo ao sector. Unha aposta por implementar os Encontros que forma parte da estratexia do salón para facerse ano a ano máis importante no ámbito alimentario de Galicia e o noroeste peninsular.
Nestes Encontros de SALIMAT 2015 os produtos máis demandados polo conxunto dos compradores son os viños e aceites con Denominación de Orixe, licores e outras bebidas, conservas tanto vexetais como de pescados e mariscos, queixos, produtos cárnicos, mel, snacks e produtos ecolóxicos en xeral.
En total, entre os 23 importadores e distribuidores e os 5 restauradores galegos, conséguese que cada empresa participante en SALIMAT conte con 28 oportunidades para facer negocio na feira, o que supón o dobre do ano pasado, cando os importadores e distribuidores participantes acadaran xa moi bos resultados comerciais.
Unha ferramenta comercial de gran eficacia
Os Encontros de Compradores de Salimat 2015 permitirán ás empresas presentes no certame presentar directamente os seus produtos aos importadores e distribuidores participantes a través de reunións axendadas con anterioridade en función dos intereses de ambas partes. E co valor engadido da coidada selección de compradores que realizou a organización do salón para garantir o seu interese na oferta alimentaria presente.











