publicidade hoxe

Emigración informa da aposta polo investimento social na Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNogueira de Ramuín
A-
A+

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu a primeira das xornadas da xuntanza anual da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas, que está a desenvolverse no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, na Ribeira Sacra. Na xornada de mañá o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, clausurará o encontro da Comisión Delegada.

Tralo saúdo do alcalde da localidade anfitrioa, José César Parente, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, comezou esta primeira xornada de traballo expoñendo as liñas fundamentais de actuación do seu departamento neste ano 2015, no que o investimento social foi a prioridade no deseño orzamentario do departamento: “O esforzo que Galicia e o seu Goberno están a realizar para axudar a aqueles que máis o necesitan, nestes tempos de dificultades económicas, tense trasladado de igual maneira á Galicia do Exterior”, segundo salientou Miranda.

Así, o secretario xeral destacou que, ademais de manter e mesmo incrementar nalgún caso as contías económicas practicamente inalteradas respecto a exercicios pasados no relativo a axudas directas a comunidades e individuos, se teñen rexistrado importantes adiantos cronolóxicos na convocatoria e resolución das ordes de axuda e subvencións tanto a comunidades galegas como a individuos galegos no Exterior.

Destaca Miranda que “avanzar na velocidade de execución dese orzamento social é traballar arreo por quen máis precisa a eficacia da Administración. Tódalas ordes de axuda están practicamente resoltas a estas alturas do ano, de maneira que eses cartos que a Xunta destina aos cidadáns do Exterior que máis o necesitan, son recibidos por estes nun menor prazo de tempo”.

Preparación do plenario

Ademais do informe do secretario sobre a actuación do seu departamento, informouse aos membros da Comisión do estado actual de tramitación do proxecto de Decreto polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do Consello das Comunidades Galegas. Precisamente, o Consello da Xunta estuda esta mañá o texto, co obxectivo de elevalo ao Consello Consultivo.

Tamén se deu conta de aspectos que forman parte das novas responsabilidades que, por desenvolvemento da nova Lei de Galeguidade, asume a Comisión Delegada, entre elas o estudo dos relatorios que formarán parte do plenario do Consello de Comunidades Galegas (xuntanza de tódolos centros e casas de Galicia con recoñecemento de Galeguidade de todo o mundo), que se celebrará nos vindeiros meses.

Outros aspectos desas novas responsabilidade son a creación de comisións e observatorios específicos, a elaboración de informes preceptivos sobre algún aspecto que considere a Comisión, ou a incorporación de novos membros ao Rexistro das Comunidades Galegas, cuestións que ao longo da xornada son obxecto de análise e debate polos membros da Comisión.

A Comisión Delegada

A Comisión é un órgano que se reúne polo menos unha vez ao ano, no que delega, por votación, a súa representación o Consello das Comunidades Galegas, formado polo centenar amplo de centros e casas de Galicia con recoñecemento oficial en todo o mundo. Forman parte da Comisión catro membros electos en representación dos centros e casas de Galicia en España, outros catro electos por aqueles con sede en Europa, e outros catro electos polos de América, máis os centros considerados ‘membros natos’: aqueles que superan os 50.000 asociados.

28 de maio de 2015 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.