Conceden unha achega de 96.000 euros para a activación dunha nova acción excavatoria no xacemento arqueolóxico de Castro Cidá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira acaba de ver confirmada unha achega de 96.200,66 euros de fondos Leader, concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e destinada á activación dunha nova actuación de posta en valor no xacemento arqueolóxico de Castro da Cidá.

A acción excavatoria ascenderá a un total de 232.805,60 euros e focalizarase na plataforma leste do xacemento, sobre unha superficie aproximada duns 300 metros cadrados.

Articulación urbanística

Esta nova iniciativa permitirá por unha banda comprender con menos marxe de erro a arquitectura e articulación urbanística e social do castro, ao tempo que permitirá exhibir publicamente unha nova área, unha vez sexa convenientemente tratada e consolidada. Ademais, a súa investigación aportará máis datos sobre a comunidade ou comunidades que habitaron o recinto, o que propiciará dotar ao lugar dun discurso histórico rigoroso para poder achegalo con posterioridade ao público.

O prazo de execución dos traballos durará tres meses. Está previsto desenvolvela no presente verán.

Cómpre lembrar que no verán pasado tivo lugar no marco do proxecto Riveira Atlántica 2015 unha primeira actuación neste xacemento que arroxou uns resultados moi superiores aos inicialmente esperados, con 15 cabanas desenterradas nunha superficie de algo máis de 400 metros cadrados. Naquela ocasión, os traballos concentráronse na plataforma oeste.

11 de maio de 2015 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.