Comeza a reordenación da avenida do Malecón no tramo entre a rúa Rosalía Castro e o novo mercado

Obras na avenida do Malecón
O Concello de Riveira informa do comezo das obras dirixidas á reordenación do tramo do paseo do Malecón comprendido entre a confluencia con Rosalía de Castro e o novo mercado, co obxecto de mellorar a circulación peonil eliminando o mobiliario urbano radicado no medio das beirarrúas, é dicir, bancos de pedra, bancos/xardineiras e a fonte existente.
Florida Galicia, S.L., é a empresa encargada de levar a cabo esta obra nun prazo de tres meses. O importe da mesma ascende a 96.070 euros, IVE incluído.
O obxectivo do proxecto que ven de comezar é crear unha zona libre de obstáculos neste tramo de beirarrúas e, por outro, executar unha mediana axardinada continua de dous metros de ancho polo centro da estrada, con plantación de céspede e árbores ornamentaise a instalación dunha liña de rego.
Na parte máis próxima ao edificio do mercado, a baldosa hidráulica alí disposta será renovada e substituída por lousas de pedra, proporcionando un acabado acorde co resto da avenida do Malecón.











