COGAMI inicia no centro de Medelo un curso de auxiliar de transporte no que se forman 15 persoas con discapacidade
O centro de recursos para persoas con discapacidade de Medelo (Lugar de Medelo, s/n Bandeira, Silleda) acolle un curso de formación profesional dirixido a persoas con discapacidade en situación de desemprego e que están apuntadas na bolsa de busca de emprego da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI).
Esta formación está financiada pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo no marco do convenio de Formación Profesional e Formación Ocupacional para as persoas con discapacidade que residan na comunidade galega (PROGRAMA OPERATIVO FSE-GALICIA 2007-2013).
Un total de 15 alumnos, 10 homes e 5 mulleres, procedentes dos concellos de Silleda (6), Lalín (4), A Estrada (4) e Vedra (1), asisten de luns a xoves en horario de 15.30 a 20.30 horas ao curso que leva por nome Auxiliar en Transporte de persoas con discapacidade/ dependentes,que finalizará a mediados do mes de xuño.
Cunha duración total de 80 horas lectivas, das que 41 serán teóricas, 29 prácticas e o resto de avaliación, o alumnado terá a oportunidade de realizar estas prácticas no propio centro de Medelo porque está dotado do material necesario para a formación. A temática que terán que asimilar está relacionada con discapacidade e dependencia, habilidades sociais de comunicación, manexo e mobilidade de persoas con discapacidade, procedemento de rexistro e documentación, primeiros auxilios e anclaxes.
COGAMI decidiu impartir en Silleda este curso como unha oportunidade laboral para as persoas que están apuntadas na bolsa de emprego na zona, que conta na actualidade con 61 persoas inscritas do concello de Silleda, 165 de Lalín, 281 de A Estrada e 48 de Vedra. Dos 15 alumnos que iniciaron este curso, 5 teñen unha incapacidade laboral recoñecida para a profesión habitual e o resto teñen unha discapacidade igual ou superior ao 33%.











