Apertura do prazo de inscripción para a contratación de 20 peóns de limpeza de areais, 3 xefes de praia e 37 socorristas en Riveira
O Concello de Riveira informa de que xa están abertos os prazos de inscrición para a contratación de 20 operarios de limpeza de areais e 3 xefes de praia e tamén para a elaboración dunha listaxe de 37 socorristas acuáticos en espazos naturais.Os interesados deberán inscribirse no Rexistro Xeral da Corporación, aberto de luns a venres de 9:00 a 13:30 horas e os sábados ata as 13:00 horas. Aquelas persoas que desexen optar a unha praza de peón de limpeza deberá facelo antes do próximo sábado día 30 de maio. Para as outras prazas a inscrición permanecerá aberta ata o mércores 3 de xuño.
O persoal a contratar para a limpeza de praias deberá cumprir o requisito de estar en situación de desemprego (inscrito no Servizo Público de Emprego de Galicia) por un período de seis meses. Aqueles que leven máis de doce meses poderán optar a unha puntuación maior na fase de selección. A duración do contrato será de dous meses e o contrato eventual a tempo parcial (20 horas semanais), en horario que se distribuirá dependendo das necesidades de luns a domingo.
Titulación necesaria
Aqueles interesados que desexen optar ás prazas de socorrista ou de xefe de praia deberán estar en posesión do título de Socorrista Acuático e estar inscritos no Rexistro Profesional de Socorristas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Os socorristas poderán ter xornada completa (40 horas semanais) ou parcial, en quendas de mañá ou de tarde de luns a domingo. Os tres xefes de praia serán contratados a xornada completa.O contrato será de dous meses e o comezo está previsto para o 1 de xullo. Aínda así, esta data pode adiantarse e a de final estenderse dependendo das necesidades e da situación meteorolóxica do momento.











