Apertura da mostra de libros de artista e espectáculo contacontos na biblioteca
Esta mañá deu comezo na Biblioteca Municipal de Riveira a nova exposición co resultado do obradoiro de libro de artista que se celebrou en abril na nosa cidade baixo a dirección de Lucía Romaní.
Así, xa se poden ver na instalación cultural os primeiros traballos realizados, á espera que se vaia completando a mostra ata alcanzar aproximadamente uns 15 libros de diferentes formatos e fontes de inspiración.
Lucía Romaní e algúns dos seus alumnos estiveron hoxe na biblioteca. A mostra estará aberta ata o vindeiro 13 de xuño.
De igual xeito, a dependencia encheuse tamén de nenos e nenas que presenciaron a continuación da apertura da mostra o espectáculo contacontos “Libros en-cantados” que ofreceu Magín Blanco no marco do programa Maio Cultural de Riveira.











