A Xunta fai entrega ao concello de Riveira do emisario de Punta Touro
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de entregar ao Concello de Riveira as obras de reparación do emisario de Punta Touro, en Riveira. Esta actuación foi executas por Augas de Galicia, entidade dependente da Consellería, que destinou 1,6 millóns de euros para levar a cabo os arranxos precisos, que aseguren o eficaz funcionamento deste emisario.
O emisario en Punta Touro atopábase deteriorado, polo que non cumpría correctamente a súas funcións de dilución e depuración. De feito, mentres a nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Riveira non se poña en servizo, esta obra permitirá mellorar a dilución e canalización das augas residuais xeradas principalmente nos núcleos de Riveira e Aguiño e do polígono industrial de Xarás, co fin de evitar calquera tipo de afección.
No momento en que a nova EDAR de Riveira, o emisario terá dúas funcións:
• Evacuar as augas residuais depuradas do polígono de Xarás. Esta operación será posible grazas a que as obras da liña independente de saneamento dende Padín ata o bombeo de Pedra Pateira e o novo bombeo, obras que a Xunta está a finalizar, separan as augas residuais xeradas neste polígono do resto do caudal sen depurar dos núcleos urbanos.
• Alivio de emerxencia no caso dun pouco probable fallo na depuradora de Riveira, evitando que as augas residuais sen depurar se vertan pola costa de Cuíña.
Esta función será posible grazas a que o novo emisario, de 3.515 m en tubaxe máis treito difusor de 80 m, parte dunha cámara de carga que se construirá na nave de pretratamento existente en Punta Touro.
Na actualidade, o grado de execución das obras da EDAR de Riveira é algo máis dun 20%, e os traballos céntranse na obra civil da EDAR: os decantadores, reactores biolóxicos e o edificio do pretratamento.
Respecto á rede a execución dos colectores está en torno ao 70%, e estase traballando en todos os tanques de tormenta ao mesmo tempo. O novo emisario comeza cun treito terrestre en gabia ata a praia, seguido dun treito en gabia dragada no leito mariño con lastres e un treito final, dende a cota -25 m, fondeado sobre o leito mariño, rematando a cota -50 m. O treito difusor, de 80 m, ten 6 tubos elevadores cada 15 m, coas bocas de saída rematadas cunha válvula de pico de pato.
Saneamento local
O remate da obra do emisario supón un avance máis no desenvolvemento do Plan de Saneamento Local da ría de Arousa e especificamente o correspondente aos núcleos de Riveira e Pobra do Caramiñal.
Coas obras do emisario de Touro, a depuradora de Riveira, a liña independente para o polígono de Xarás e os colectores xerais e EDAR de Corrubedo, complétase o saneamento integral do Concello de Riveira. Así, a Xunta de Galicia cumpre cun dos seus principais compromisos no marco do saneamento integral das rías.











