A FIG celebrará do 5 ao 7 de novembro a I Feira da Enerxía de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+
Reunión do comité da Feira de Enerxía de Galicia

Reunión do comité da Feira de Enerxía de Galicia

A Feira Internacional de Galicia celebrará do 5 ao 7 de novembro deste ano un novo certame, a I Feira da Enerxía de Galicia,  que foi presentada esta maña nas instalacións do recinto feiral polo xerente do Inega (Instituto Enerxético de Galicia), Pablo Casal; o director do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética deste Instituto, Emérito Freire; e o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán.

Durante o acto, o director do Inega destacou que este certame é froito da colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia e a Consellería de Economía e Industria, tendo esta un dobre papel que se traduce nunha colaboración económica que se situará en torno ao 50% do custe da feira, e tamén o asesoramento técnico e a interlocución co sector  en Galicia a través do Inega. 

Así mesmo, o directo do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética do Inega explicou “por que esta feira e en Galicia” con datos que reflicten a importancia do sector enerxético galego e o seu peso a nivel do estado, que indican que este sector supón o 4% do PIB de Galicia e crea 10.000 empregos directos e 22.000 indirectos na Comunidade, a cal xera o 10% de toda a enerxía en España e máis do 20% da de orixe renovable. Ademais, fixo fincapé en que pretende ser “un punto de encontro de empresas e profesionais”, un “escaparate das innovacións e eficiencia enerxética” e un espazo divulgativo que contará cun “foro de coñecemento” que acollera xornadas de interese nas que posiblemente estará presente algún “referente a nivel internacional” como relator. 

Pola súa banda, Ricardo Durán subliñou a importancia deste certame para a entidade que dirixe  por tratarse “dun sector novo ao que se abre a Fundación, a cal nesta nova etapa se quere abrir a todos os sectores de Galicia”, ao tempo que informou de que nas vindeiras semanas se presentarán os eventos que terán lugar no recinto no segundo semestre do ano. Así mesmo reseñou que esta Feira da Enerxía de Galicia se deseñará para que “cumpra un triplo obxectivo”, ser un espazo de presentación de novidades, un foro de coñecemento con destacadas xornadas técnicas e un punto de encontro sectorial. Durán engadiu que “as primeiras edicións supoñen un esforzo adicional” pero que esta conta “cun comité que a acolleu con toda a forza que poderiamos desexar”, ademais do importante apoio da Consellería de Economía e Industria. 

Primeira reunión do comité organizador 

Tamén na mañá de hoxe, antes da presentación desta Feira de Enerxía de Galicia, tivo lugar no recinto feiral a primeira reunión do comité organizador deste certame, no cal se abordaron distintos aspectos para a posta en marcha da súa primeira edición, como os seus obxectivos, estrutura, comercialización, promoción ou programa de actividades.

Ao encontro acudiron o xerente do Inega, o director do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética deste Instituto e representantes de 12 importantes empresas e entidades do sector enerxético e empresarial, que na súa totalidade expresaron o seu pleno respaldo a esta  nova iniciativa feiral e a súa disposición a colabora estreitamente coa Fundación Semana Verde na súa organización. Así, estiveron presente distintos cargos ou representantes do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Clúster da Madeira de Galicia, Asociación Forestal de Galicia (AFG), Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega), Clúster Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), Conferedación de Empresarios de Galicia, Clúster Galego do Autoconsumo  Enerxético (Agaen), Asociación de Produtores e Distribuidores de Enerxía de Galicia (APYDE) e das empresas Repsol, Iberdrola, Endesa Generación e Red Eléctrica. 

Tamén participou nesta reunión Ricardo Durán e un equipo de traballo da Fundación Semana Verde de Galicia que participará no desenvolvemento deste certame, que será o único do noroeste peninsular que aglutine todos os tipos de enerxía, convencionais e renovables, e todos os seus ámbitos.

27 de maio de 2015 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.