A FIG acollerá o 20 e 21 de xuño o evento ecuestre Equina 2015

Presentación Equina 2015
A Feira Internacional de Galicia acollerá os días 20 e 21 de xuño o evento ecuestre Equina 2015, o cal foi presentado esta mañá no recinto por Ricardo Durán, director deste espazo feiral, que é colaborador do evento, e por representantes das entidades organizadoras do mesmo, a Asociación Gallega de Criadores de Caballos Árabes (AGCCA) e a Asociación de Criadores de Caballos Españoles de Galicia (ACCEGA).
Durante o acto o presidente de ACCEGA, Manuel Benavides, agradeceu a colaboración da Fundación Semana Verde no proxecto e destacou a transcendencia de citas como Equina “para o medio rural e Galicia”, xa que será un “foco de proxección” do mundo do cabalo, o cal conta con gran relevancia en Galicia, “cuarta comunidade autónoma en importancia cabalar”. Así mesmo, fixo fincapé na presenza do cabalo de pura raza española tanto en Galicia como no mundo, ademais de destacar a procedencia de moitos dos exemplares que participarán no concurso desta raza que se celebrará en Equina.
Por parte de AGCCA, o seu presidente, Javier Antonio Fernández, amosou tamén o seu agradecemento á Fundación, mentres que o seu secretario, Víctor Reboredo, describiu o concurso de pura raza árabe que levarán a cabo e o número de participantes que estarán presentes. Avanzou tamén que esperan que Equina “se consolide no panorama nacional” e que AGCCA poda o ano que ven celebrar no seu marco unha competición de categoría aínda maior.
Pola súa banda Ricardo Durán subliñou a “vinculación da Feira Internacional de Galicia co mundo do cabalo” tanto a través da Semana Verde como doutros eventos realizados no pasado, ademais de poñer de releve as instalacións do recinto neste sentido, as cales contan con 92 boxes e un ring de 8.500 metros cadrados con gradas para cerca de 3.000 persoas. Factores que propiciaron que a Semana Verde 2015 siga incluíndo actividades ecuestres lúdicas e que se celebre tamén un evento como Equina, que acollerá citas máis profesionais, aínda que dirixidas tanto a especialistas como a afeccionados e público xeral. Por outra banda, destacou que con este evento a Fundación continúa coa “apertura do recinto a asociacións, empresas ou promotores” que podan ver neste espazo unha oportunidade para o seu sector.
Equina 2015
Este evento ecuestre estará conformado por dúas importantes citas, o Concurso Internacional Morfofuncional de Cabalos Españois de Galicia – ANCCE e o III Concurso A.E.C.C.A de Galicia, de categoría nacional.
En ambas competicións, que terán lugar no ring hípico do recinto, participarán numerosos exemplares equinos, moitos deles pertencentes a criadores de renome que garantirán a relevancia e atractivo de destes concursos. Así, por parte da asociación de pura raza española agárdase a asistencia de en torno a 70 cabalos procedentes, entre outros lugares, de Galicia, Asturias, Cantabria, Castilla-León, norte de Portugal, México ou EE.UU, mentres que desde pura raza árabe estiman as súas inscricións en 40 exemplares de distintos puntos da Península.
A estes dous concursos nos que se centrará Equina 2015 sumaranse outras competicións e actividades. Así, incluirá a 12ª Copa de Doma Clásica de ACCEGA, bautismo hípico e terapia equina, ademais da posibilidade de engadir outras que se están xestionando.
Por outra banda, o evento complementarase cunha área expositiva que se situará no pavillón 3, ubicado a escasos metros do ring, e dará cabida a empresas e entidades relacionadas co mundo do cabalo.











