A FIG acolle esta fin de semana un clinic de cabalos árabes impartido por Juan Murillo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSilleda
A-
A+
Juan Murillo no Campionato do Mundo

Juan Murillo no Campionato do Mundo

A Feira Internacional de Galicia (FIG) acolle esta fin de semana un atractivo clinic de cabalos de pura raza árabe impartido polo recoñecido adestrador e presentador ecuestre belga Juan Murillo, o cal compartirá cos inscritos neste curso os seus amplos coñecemento e as súas experiencias. 

Este clinic, organizado pola Asociación Galega de Criadores de Cabalos Árabes (AGCCA),abordará, entre outros temas, a alimentación dos exemplares desta raza, adestramento, transporte, grooming (acicalado), “parada” dos animais, “dar pescozo” ou como acadar expresión por parte do exemplar ante o xuíz nas competicións.

Esta cita formativa, que terá lugar durante toda a xornada do día 23 e a mañá do 24, incluirá tamén o seu primeiro día unha charla de man de Luz González Hermida, veterinaria e directora da web especializada en cabalo árabe www.arabigan.com. Titulada “Como difundir a túa gandería usando internet”, irá dirixida especialmente a ganderías de cabalos e informará sobre os recursos online que mellor funcionan para aumentar a súa visibilidade e, por tanto, aumentar as ventas. 

Ao curso acudirá un grupo de en torno a unha vintena de alumnos procedentes de distintos puntos de Galicia, propietarios de cabalos árabes. 

Un gran palmarés

O condutor deste clinic, Juan Murillo, é un reputado adestrador e presentador que comezou a súa carreira cos cabalos árabes en 1982 en Estados Unidos e que se especializou en competicións morfolóxicas nacionais e internacionais a partir de 1995 en Bélxica, obtendo moi bos resultados.

Así, foi o vencedor do Campionato de Bélxica dous anos, do Tulip Cup (Holanda) nunha ocasión, conseguindo o campionato e máxima puntuación; e do Vichy (Francia), ademais de participar no Campionato do Mundo con excelentes resultados. Os seus títulos máis recentes son dúas medallas de ouro no Internacional de Burdeos, conseguidas este mesmo mes. 

Os cabalos árabes na FIG 

Os cabalos de pura raza árabe non soamente estarán presentes esta fin de semana na Feira Internacional de Galicia, xa que os días 20 e 21 de xuño compartirán protagonismo cos cabalos de pura raza española en Equina 2015. Neste evento as asociacións galegas destas razas organizarán o Concurso Internacional Morfofuncional de Cabalos Españois de Galicia – ANCCE e o III Concurso A.E.C.C.A de Galicia, de categoría nacional, os cales se complementarán con outras competicións, actividades e un espazo expositivo.

21 de maio de 2015 | 11:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.