A exposición antolóxica de Fondevila remata o vindeiro sábado logo de recibir unhas 700 visitas
O vindeiro sábado día 16 ás 20.00 horas pechará a mostra antolóxica do autor silledense José Antonio Fondevila García. A exposición, con obra pictórica e tamén escultura, abriuse ao público o pasado 17 de abril organizada polo Concello de Silleda en colabroación coa Consellería de Educación e Cultura.
A día de hoxe preto de 700 persoas visitaron esta mostra que suscitou un grande interese entre o público. Ademais de visitas a nivel particular, tamén se realizaron outras para grupos, nalgúns casos nos que o propio artista foi o guía de excepción polas distintas salas.
Natural da parroquia de Fiestras, onde naceu en 1952, Fondevila iniciou a súa actividade artística pública no ano 1993. Diplomado pola Universidade Internacional de Arte de Miami Interart, o artista ofrece ao público as súas lembranzas e vivencias plasmadas na obra pictórica que protagoniza esta mostra antolóxica que lle brinda o seu municipio natal.
Fondevila, que ten participado en exposicións en países como Estados Unuidos, Suecia, Portugal, Bélxica, Alemania ou Italia entre outros, ademais de numerosas mostras en distintos puntos da xeografía española, atesoura numerosos recoñecementos, e convertiuse nun dos artistas silledense con máis proxección.
A sala A acolle as creacións baixo o título “Cuarta dimensión”. Na sala central están tamén obras do autor integrantes de coleccións privadas e retratos, entre outros, así como creación máis persoais que non se ven en exposicións do autor, caso de retratos a lápiz. Na sala Pintor Colmeiro tamén se poden ver cadros e esculturas con inconfundible selo de Fondevila.
Catálogo
A exposición antolóxica tamén vai compañada do correspondente catálogo, editado polo Concello e a Xunta, e no que figuran textos de Román Rodríguez, Manuel Cuiña, Pilar Taboada, como comisaria da exposición, e textos de recoñecidos críticos a nivel nacional.











