A Coral Polifónica Trasdeza celebra os seus 25 anos editando un libro e gravando un cd

Presentación do libro na Casa da Cultura de Silleda
A Coral Polifónica Trasdeza cumpre o seu 25 aniversario dun xeito moi especial, editando un libro que recolle toda a súa traxectoria musical, a súa historia e a todos os seus históricos, membros da agrupación que como o seu director, Manuel Molinos, levan practicamente dende os comezos ao lado dunha iniciativa cultural que semella ter asegurado o seu futuro. Asemade e, coincidindo con esta efeméride, a Coral tamén gravou o seu segundo disco que leva por título “25 anos 1990-2015. Coral Polifónica Trasdeza. Cantando na Vía da Prata”.
Todas estas accións xunto a outras que se darán a coñecer aos socios conviven co tradicional concerto de Tardes de Primavera, que terá lugar este sábado 30 de maio no Auditorio da Semana Verde de Silleda, ás 21.00 h., e que contará coa actuación dos convidados Dúo Gamma (Elisa Martín e Millán Abeledo), o Orfeón Ciudad de Plasencia (de Cáceres), Aures Cantibus (de Zamora) e os anfitrións, a Coral Polifónica Trasdeza. A entrada é gratuíta.











