A Asociación Pura Raza Cabalo Galego participará na “38 Semana Verde de Galicia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

A Asociación Pura Raza Cabalo Galego acaba de pechar o acordo para a súa participación na “XXXVIII Edición da Semana Verde de Galicia” na Feira Internacional de Galicia, Silleda – Pontevedra do 11 ao 14 do próximo mes de Xuño. Unha participación que contará cunha caseta promocional de cabalos de pura raza galega, raza autóctona en perigo de extinción, ademais da presenza dunha mostra viva de sementais PRG participantes en plan de testaxe e control de aptitudes para a funcionalidade da raza, o cal está a desenvolver a asociación pura raza cabalo galego en colaboración coa Xunta de Galicia, o plan europeo FEADER “Europa Inviste non Rural” e o Ministerio de Agricultura do Goberno de España na súa sede do Centro de Razas Equinas Autóctonas de Galicia na localidade coruñesa de Sergude, concello de Boqueixón.

A chegada dos cabalos da asociación ao recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda, téñena prevista para a tarde do mércores día 10 de Xuño. Sendo as xornadas do fin de semana, sábado 13 e domingo 14 de Xuño, as dúas tardes elixidas para a posta en escena dunha exhibición adaptada ao espazo interior do pavillón de razas autóctonas no que se desenvolverá a mostra e presentación da potencialidade da raza en distintos aspectos de funcionalidade. Exercicios de doma de alta escola, rendas longas e doma en liberdade presentaranse ante o público visitante para promocionar, difundir e fomentar a cría desta raza.

Igualmente, desde a caseta promocional facilitarase toda a información que os visitantes, gandeiros e criadores de cabalos ou interesados na cría do mesmo, requiran. Para iso contará con persoal propio da asociación que informará sobre eses aspectos o día 11, 12, 13 e 14 de Xuño no horario establecido polo recinto feiral. A “XXXVIII Semana Verde de Galicia” que se celebra no recinto da Feira Internacional de Galicia na localidade de Silleda na provincia de Pontevedra, significa un dos mellores escaparates para a promoción da agricultura e gandaría de Galicia a nivel Internacional, dado o gran número de visitantes e profesionais que se dan cita na mesma durante os días do certame feiral, sendo un punto de encontro e negocio para todos os asistentes.

15 de maio de 2015 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.