Xunta e Concello do Porriño colaboran na formación do persoal de seguridade pública e de emerxencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o alcalde do Porriño, Nelson Santos, asinaron hoxe un convenio de colaboración entre a Academia Galega de Seguridade Pública e o Concello para a formación continua do persoal de seguridade pública e das emerxencias porriñés.

Esta formación realizarase mediante cursos, xornadas e accións formativas sobre temas de interese profesional para este persoal e que supoñan unha mellora da súa cualificación e eficacia no servizo, a través do mantemento ou potenciación da súa capacitación, así como mediante a participación en actividades de difusión das funcións, medios e procedementos.

Segundo establece o texto, o deseño, estrutura, obxectivos e datas dos cursos estarán consensuados por ambas partes, ao igual que a selección e contratación dos docentes. Pola súa parte, o Agasp comprometese a elaborar os programas, documentación e material para o alumnado, mentres que o Concello será o responsable da selección de admitidos.

Os gastos derivados das actividades corresponderanlle ao concello do Porriño, que tamén se encargará de aportar as aulas e instalacións para o seu desenvolvemento, salvo que ambas partes decidan facelas noutro lugar. O convenio terá vixencia durante o ano 2015 e poderá prorrogarse de forma expresa por anualidades naturais.

Unha das policías mais activas e innovadoras

Luis Menor destacou que O Porriño conta cunha das policías locais “máis activas e innovadoras” de Galicia, xa que colaboran co Ministerio de Interior no exercicio de funcións de Policía Xudicial e son un punto de referencia no control dos transportes por estrada.

“Hai unha aposta clara e decidida por parte do concello na seguridade dos seus cidadáns, que hoxe se plasma unha vez mais, neste convenio, onde a formación da policía local é un obxectivo clave para o desenvolvemento das súas funcións”, manifestou o director xeral.

Así, dentro dos cursos programados ao abeiro do convenio coa Agasp está previsto un de manexo e uso de armas largas -que o propio concello acaba de adquirir-, de técnicas de defensa persoal, uso do bastón policial extensible e instrución de atestados e inspeccións oculares.

Con anterioridade á sinatura do convenio, o alcalde e o titular de Emerxencias da Xunta tamén visitaron á sede da Asociación de Voluntarios de Protección Civil do Porriño.

28 de abril de 2015 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.