Unhas 150 persoas participaron na estrea da nova ruta de sendeirismo circular de Carreira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+
Participantes na ruta

Participantes na ruta

Arredor de 150 persoas déronse cita esta pasada fin de semana no parque periurbano de San Roque para vivir en primeira persoa a estrea da nova ruta de sendeirismo circular da parroquia de Carreira: o segundo itinerario destas características posto en marcha polo Concello de Riveira despois do que se habilitou en Corrubedo hai ano e medio.

Se ben a maior parte da xente realizou o percorrido de 15 quilómetros a pé (algúns acompañados dos seu cans), houbo quen o quixo facer a cabalo, como por exemplo o concelleiro natural desta parroquia Víctor Reiriz Lampón.

Aplauso a Juan Manuel Tarela

Antes da saída, e tras oportunas explicacións técnicas de Moncho Sampedro, membro da Asociación de Veciños de Carreira que foi un dos responsables do deseño da ruta, houbo un aplauso unánime a Juan Manuel Tarela: o traballador de Amicos que colaborou moi activamente na marcaxe do itinerario e que faleceu recentemente nas pedras de Couso. Precisamente entre os participantes figuraron traballadores desta asociación de persoas con diversidade funcional.

A continuación do emocionante momento de homenaxe, os andaríns transitaron por lugares como a aldea de Castro, O Vilar, o lavadoiro de Vixán, Os Castelos, A Graña, a lagoa de Vixán, Gándara, Casalnovo, Monte da Cidá e Castro da Cidá, regresando de novo ao parque periurbano, onde tiveron ocasión de disfrutar dunha churrascada e de probar os xogos do Ecoparque Arbóreo.

20 de abril de 2015 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.