Un total de 39 actividades animarán a segunda edición da Feira da Educación de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+
Presentación da Feira de Educación de Riveira

Presentación da Feira de Educación de Riveira

Un total de 39 actividades animarán a segunda edición da Feira da Educación de Riveira: iniciativa que nesta convocatoria celebrarase no novo mercado municipal e contará coa participación de ata 19 centros de ensino, ademais de anpas e outras entidades colaboradoras.

O alcalde Manuel Ruiz presentou hoxe ao mediodía esta iniciativa, acompañado da edil de Educación Maricarmen Vizcaya e da normalizadora lingüística municipal Alicia Padín.

O rexedor lembrou que un dos puntos máis importantes acontecidos nesta lexislatura na colaboración local co ensino foi o da constitución en 2012 do Consello Escolar Municipal e que a partir de entón se estiveron a dar pasos significativos, un exemplo do cal é precisamente esta Feira da Educación.

Ruiz Rivas engadiu que esta acción servirá para que os veciños poidan coñecer unha infraestrutura que vai ser referente do noso municipio como é a do mercado.

Exposición e actividades

A cita espallarase polas tres primeiras plantas do mercado: a primeira estará dedicada a albergar a exposición e a terceira dará cabida a actividades, mentres que a segunda intermedia acollerá accións dos dous tipos, tanto exposicións como actividades, entre as cales se contan dende concertos e clases abertas, ata talleres de radio, obradoiros e funcións teatrais.

De mércores a venres, a feira estará aberta de 10 a 14 e de 17 a 21 horas; mentres que na fin de semana farao de 10 a 14 horas.

Organizada polo Concello, participan como colaboradores, ademais das Anpas e os centros de ensino, as seguintes entidades: Fondo Galego de Cooperación, Parque Tecnolóxico de Galicia, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Editorial Kalandraka, Universidade de Santiago de Compostela e Consellería de Educación a través do programa Ler Conta Moito.

20 de abril de 2015 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.