Salimat potencia a edición de 2015 cun comité de expertos que mantivo hoxe a súa primeira reunión

Reunión do comité
O 19º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat, o cal se celebrará do 11 ao 14 de xuño na Feira Internacional de Galicia, incorporou hoxe á súa organización un comité composto por expertos de distintas entidades representativas do sector alimentario en Galicia, o cal mantivo esta mañá a súa primeira reunión nas instalacións do recinto.
Este comité, co que o certame pretende potenciar a súa edición de 2015, está presidido pola directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa Alonso, quen participou no encontro acompañada do subdirector xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria, Ricardo Rivas Barros, e da xefa de servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria, Mª José González González. Durante o seu transcurso a directora xeral destacou que Salimat “ten moito futuro e pode potenciarse máis”, e neste sentido sinalou a importancia de contar cun comité.
Así mesmo, á reunión acudiron representantes de 10 entes do ámbito agroalimentario na Comunidade, desculpando a súa asistencia outros colectivos deste sector que apoian o certame dende o comité. Así, estiveron presentes distintos cargos do Centro Tecnolóxico da Carne, o Clúster da Carne de Galicia e dos consellos reguladores das Denominacións de Orixe Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa e Cebreiro, Mel de Galicia, Pataca de Galicia, Pan de Cea, Castaña de Galicia e Augardentes de Galicia.
Tamén participou Ricardo Durán, director da Feira Internacional, de Galicia, xunto cun equipo da entidade feiral.
Propostas para Salimat 2015
Na reunión abordáronse distintos aspectos para optimizar a 19ª edición do Salón de Alimentación do Atlántico, entre os que a organización destacou o fortalecemento do carácter profesional do certame durante os seus dous primeiros días. Ademais, analizouse a orientación dos Encontros de Negocio do salón para maximizar os seus resultados e fixéronse propostas para o seu programa de actividades.











