Riveira recibe unha subvención para a recuperación do lavadoiro de Ameneiro e o seu camiño de acceso
O Concello de Riveira vén de recibir unha subvención da Xunta de Galicia co obxecto de executar a recuperación do lavadoiro de Ameneiro e o seu camiño de acceso. O desenvolvemento desta actuación está orzamentada en 25.783,62 euros, das cales a administración autonómica asumirá un total de 8.558,57 euros.
Así e logo, con esta achega dáse luz verde definitiva a unha iniciativa que permitirá a recuperación dun espazo ambientalmente degradado localizado moi preto do casco urbano e do parque periurbano de San Roque.
Cómpre informar ao respecto que ao longo destes últimos meses se vén impulsando dende o Concello un gran número de accións dirixidas a restaurar e poñer en valor o noso patrimonio tradicional. Onte mesmo se estivo a traballar no lavadoiro de Curral de Arriba, en Deán Grande, e tamén se estiveron a recuperar outros situados en Lixó (Oleiros), A Ameixida (Castiñeiras), Bretal (Olveira) ou Vixán (Carreira).
Proxecto
Polo que respecta á actuación en Ameneiro, cabe sinalar que o camiño que conduce ao lavadoiro se atopa actualmente intransitable debido á abundante vexetación que presenta e á elevada cantidade de auga que descorre polo mesmo. Ademais, o propio lavadoiro está bastante deteriorado (coas paredes laterais derruídas e danadas as columnas que suxeitan a cuberta actual) e posúe numerosas pintadas en toda a superficie.
A actuación que se pretende levar a cabo incide en dúas vías:
Por un lado, actuarase no camiño de acceso do seguinte xeito:
– Instalarase unha rede para a recollida das augas superficias que descorren polo camiño, formada por un colector de PVC corrugado SN8 de 315 milímetros de diámetro. Tamén se disporán 3 pozos de rexistro e 3 arquetas sumidoiro.
– Desbrozarase a traza do camiño da maleza que actualmente a invade.
– Renovarase o pavimento terrizo actual por un máis duradeiro e igualmente acorde co entorno, formado por pedras de mampostería de granito sobre soleira de formigón.
E por outro lado, actuarase no lavadoiro:
– Adecuarase a cuberta colocando tella cerámica curva sobre placas minionda de fibrocemento.
– Limparase con máquina a presión a parede de pedra pola que escorre a auga do manancial que abastece o lavadoiro.
– Pintaranse as superficies deterioradas con pintadas.
– Reporanse con ladrillo as paredes laterais e chapearanse con pedra de mampostería granítica.
O prazo de execución son dous meses.











