publicidade hoxe

Pazos de Borbén organiza a carreira e andaina popular “Montes da Ermida”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+
Presentación da andaina

Presentación da andaina

A Casa do Concello de Pazos de Borbén acolleu esta mañá a presentación da primeira edición da Carreira e Andaina Popular “Montes da Ermida”. No acto estiveron presentes o alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, o concelleiro de deportes, José Ángel Cepeda, o presidente da Comunidade de Montes de Pazos, Carlos Garrido, o veciño impulsor da idea, Martin Harris, e os representantes da Asociación CAR de Redondela.

A proba disputarase este domingo, 26 de abril, sobre un circuíto de 18 km no caso da carreira e de 11 km para a camiñada. A saída da carreira está prevista para as 10:30 da mañá,media hora antes para a camiñada, e a inscrición tívose que pechar antes de tempo ao alcanzar o límite de participantes ás poucas horas de abrir o prazo. A proba sairá e chegará das inmediacións da Casa Escola da Ermida, onde a continuación entregaranse os premios aos vencedores e realizarase unha pequena reunión postcarreira con petiscos e agasallos para todos os participantes.

A idea xorde do veciño Martin Harris, un inglés afincado na parroquia de Ermida desde fai máis de 30 anos. Coñecedor e amante dos montes despois de anos percorréndoos a pé, realizou a súa proposta aos membros da Asociación Deportiva Car de Redondela, que aceptaron de inmediato. A idea foi medrando a medida que se solicitaban apoios, e o que comezou sendo pouco máis que unha quedada de amigos, converteuse nun evento deportivo que contará con 100 corredores e máis de 150 camiñantes na súa primeira edición.

O percorrido forma un círculo polos montes de Ermida, Moscoso, Aranza e Calvos, ata completar 18 km cun desnivel positivo acumulado de 500 metros. Para Martin Harris, a carreira “non é máis que unha oportunidade de gozar da natureza, o deporte e as relacións entre as persoas cunha xornada festiva”.

Desde a organización agradecen ao Concello de Pazos de Borbén a súa colaboración e esperan que a climatoloxía acompañe para poder gozar do monte en todo o seu esplendor primaveral así como que discorra con normalidade e satisfacción creando un precedente para anos vindeiros.

23 de abril de 2015 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.